
O Grupo Parlamentario Socialista leva meses reclamando copia íntegra dos expedientes de trece contratos adxudicados sen concorrencia por máis de 172.000 euros á empresa vinculada ao ex-ministro imputado por cohecho
Patricia Iglesias critica a “irresponsable política de bonificacións fiscais selectivas” de Rueda que, un ano máis, provoca a advertencia da AIReF sobre o endebedamento de Galicia”
O secretario xeral do Tesouro da Consellería de Facenda compareceu esta semana en comisión parlamentaria e saíu sen dar ningunha resposta nin entregar un só documento. “O PP repite coa empresa do ex-ministro Montoro o manual de Altri: usa o Parlamento para non dar información”, afirmou a deputada do PSdeG Patricia Iglesias tras formular a pregunta oral na comisión.
O certo é que a Xunta segue negando ao grupo socialista o acceso á copia dos expedientes de contratación relacionados cos trece contratos adxudicados a dedo a Equipo Económico, o despacho vinculado ao ex-ministro de Hacienda Cristóbal Montoro, actualmente investigado por cohecho, tráfico de influencias, prevaricación e fraude contra a administración pública.
Trece contratos. Máis de 172.000 euros. Adxudicados sen concorrencia, sen publicidade e sen ningún proceso competitivo entre 2009 e 2011, mentres Montoro exercía como ministro no executivo de Mariano Rajoy, denunciou Iglesias, que leva meses preguntando ao Goberno galego por este tema.
O único acceso concedido ata agora foi, hai sete meses, unha visita presencial á Consellería para consultar os expedientes in situ, sen posibilidade de levar copia. Iglesias denuncia que o que atoparon “non era precisamente un traballo técnico rigoroso: falamos de borradores sen asinar, notas de sete páxinas facturadas entre 8.000 e 13.000 euros, un PowerPoint da fusión das caixas galegas e informes que nin sequera citaban a normativa galega, só a lexislación estatal. Material tan xenérico que podería ter servido para calquera outra comunidade autónoma gobernada polo PP naquel mesmo período”.
Ante a negativa reiterada a entregar a documentación, o pasado xoves Iglesias rexistrou unha nova petición formal de copia de todos os contratos ao amparo do artigo 9 do regulamento e presentou ademais unha solicitude a través do portal de transparencia da Xunta. O PSdeG recorda que facilitar esa documentación é unha obrigación legal, non unha decisión discrecional do PP.
“O que teñen que esconder é a pregunta que o PP non quere responder. Chegaremos ata onde faga falta”, advertiu Iglesias.
Valoración do PSdeG á advertencia da AIReF á Xunta
Iglesias valorou tamén o informe de onte da Autoridade Independente de Responsabilidade Fiscal (AIReF) sobre o endebedamento e o cumprimento das regras de gasto das comunidades autónomas, que confirman, un ano máis, que Galicia vai incumprir a regra de gasto. A razón, segundo explica a deputada, non está no lado do gasto público, senón “na irresponsable política de bonificacións fiscais selectivas que aplica o goberno de Rueda en favor das rendas e patrimonios máis altos: só en 2026, o impacto nas arcas públicas destes agasallos fiscais alcanza os 757 millóns de euros”.
“Iso ten consecuencias directas na vida das persoas”, afirmou Iglesias, que denunciou o deterioro da atención primaria, a falta de docentes para nenos e nenas con necesidades educativas especiais ao inicio do curso; e os 341 días de media que hai que agardar pola primeira resolución de grao de dependencia, “con xente morrendo mentres espera”.
Como exemplo desta política, Iglesias sinalou a bonificación do 50% no imposto de patrimonio que mantén a Xunta, un tributo que só afecta a quen ten un patrimonio neto superior ao millón de euros. “A AIReF segue lanzando as mesmas advertencias que o ano pasado: a Xunta non exerce a responsabilidade fiscal axeitada e pon en risco o cumprimento da senda de estabilidade orzamentaria”, subliñou.
Nesta liña, o PSdeG reclama un pacto de país polo financiamento, pero esixe que a Xunta cumpra coa súa parte: “Non se pode pedir máis financiamento a Madrid e ao mesmo tempo renunciar a 757 millóns en ingresos propios que nunca chegarán ás arcas públicas”.