
Patricia Iglesias denuncia un “modelo baseado na opacidade, na falta de control e no uso discrecional dos cartos públicos”
A portavoz de Calidade Democrática e Transparencia do Grupo Socialista, Patricia Iglesias, esixiulle á Xunta que entregue os contratos adxudicados “a dedo” ao despacho do ex ministro do PP Cristóbal Montoro, “hoxe imputado por organización criminal, cohecho e tráfico de influencias”. Iglesias presentou unha pregunta oral na Comisión de Economía para esixirlle “transparencia e rendición de contas” ao goberno galego.
A parlamentaria socialista denunciou que o goberno galego segue sen entregar a copia íntegra dos contratos menores adxudicados a Equipo Económico, que solicitou formalmente o pasado 12 de setembro, logo de ter acceso á vista dos expedientes das contratacións coa empresa de Montoro. Explicou que aqueles documentos constitúen “borradores sen sinatura, notas ou textos xenéricos que non xustifican o pagamento de fondos públicos”.
Sen embargo, o goberno galego contratou entre 2009 e 2011 13 contratos adxudicados “a dedo” con aquel despacho por valor de máis de 172.000 euros, que quedaron fóra do control público porque foron considerados “menores” ao situarse por debaixo dos 18.000 euros. Sen embargo, o Grupo Socialista leva 7 meses agardando por uns expedientes que nunca chegan por unha “decisión política consciente de ocultación”.
Puntualizou que “aquí non hai un erro administrativo: Hai un modelo baseado na opacidade, na falta de control e no uso discrecional dos cartos públicos”, como ten alertado o propio Consello de contas, que advirte de que 1 de cada 5 euros da contratación da Xunta adxudica “a dedo a través de contratos menores sen concorrencia nin control efectivo”.
Ademais, alertou de que estes contratos incluían tamén un power point sen rematar sobre a fusión das caixas galegas, así como “propostas ideolóxicas de baixadas de impostos en patrimonio, sucesións e doazóns”. Acusou ao goberno galego de “externalizar a ideoloxía do PP con diñeiro público”, que empregaron para “defender baixadas fiscais para os que máis teñen, elaborados sen rigor técnico, sen análise de impacto e sen adaptación á realidade galega”.