
Silvia Longueira destacou que o programa que o Partido Socialista está a levar por toda Galicia ten como obxectivo visibilizar o traballo de creadores e creadoras que desenvolven a súa actividade lonxe dos grandes circuítos
O ciclo de encontros culturais DESDE-A-MARXE deulle voz esta mañá en Serantes a proxectos relacionados coa ilustración, a animación e o sector téxtil. O encontro, moderado pola secretaria socialista de Cultura e Lingua, a deputada Silvia Longueira, contou coa participación das ilustradoras Blanca Vila e Gairah Praskovia e as creadoras de moda Laura Camila Velasco e Belén González Costea.
Estas últimas explicaron as súas experiencias arredor da sustentabilidade no sector téxtil, a través da reutilización de tecidos para a creación de novas prendas. Apuntaron a necesidade de fomentar un consumo responsable, especialmente entre as xeracións máis novas, e valorar a economía circular tamén no eido da moda.
Vila explicou o seu traballo como debuxante coas persoas como principais protagonistas. Pola súa banda, Gairah Praskovia proxectou unha curtametraxe de animación pola que obtivo diversos premios a nivel internacional e detallou as influencias xaponesas no seu arte. Durante o debate posterior ás presentacións, as catro ofreceron distintas visións sobre as perspectivas de futuro e os retos que enfrontan os creadores e creadoras máis novos.
Silvia Longueira recordou que DESDE-A-MARXE ten como obxectivo visibilizar o traballo de creadores e creadoras que desenvolven a súa actividade lonxe dos grandes circuítos. Ao encontro no local social de Serantes asistiron tamén, entre outros cargos socialistas, o secretario xeral ferrolán e portavoz no Concello, Ángel Mato, e o deputado autonómico Aitor Bouza.
Os vindeiros encontros, en maio en Betanzos e Culleredo
DESDE-A-MARXE desenvólvese cun formato de presentacións breves, inspirado no pechakucha xaponés, ás que segue un debate entre os participantes. Os próximos encontros serán en maio en Betanzos e Culleredo.
Tal como explicaran na presentación da iniciativa o secretario xeral socialista, José Ramón Gómez Besteiro, e a propia Silvia Longueira, o percorrido polas diferentes comarcas galegas servirá para tecer unha rede entre proxectos que nacen desde o territorio de xeito independente e que non sempre contan coa difusión que merecen. Nese senso, DESDE-A-MARXE aspira a converterse en altofalante para os creadores e creadoras e a abrir espazos de encontro arredor da cultura.