
Lara Méndez sinala que levan “17 anos destruíndo o futuro” e levando “a números vermellos” ao país que o goberno do socialista Pérez Touriño deixou en 2009 con “máis dereitos, máis cohesión e un Estado do Benestar que avanzaba”
Apunta que o PP incumpre unha proposta de Resolución que transaccionaron co Grupo Socialista mesmo antes de aprobala: “Son un fraude”
Aféalle a Rueda que a principal proposta do Debate do Estado da Autonomía sexa “perseguir aos traballadores e traballadoras”
O Parlamento aproba unha proposta de Resolución do Grupo Socialista para reclamarlle á Xunta que garanta a dotación de profesorado de apoio
A viceportavoz do Grupo Socialista, Lara Méndez, acusou hoxe ao PP de “cambiar unha Galicia de dereitos por unha Galicia de caridade”. A responsable socialista interveu no debate final do Debate do Estado da Autonomía, que rematou cunha proposta de Resolución transaccionada e aprobada, pero que comezaron a incumprir mesmo antes da votación, e a aprobación da Resolución do PSdeG que pedía o reforzo do profesorado de apoio nas escolas galegas.
Méndez criticou que os gobernos do PP levan 17 anos “destruíndo futuro” para unha Galicia que o goberno do socialista Pérez Touriño deixou en 2009 con “máis dereitos, máis cohesión e un Estado do Benestar que avanzaba”. Criticou que a etapa do PP supuxo a “demolición deliberada” do modelo socialista para levar tódolos indicadores a “vermello”, ata o punto de que “nunca houbo tanta xente en Galicia que precise vivenda accesible, atención sanitaria ou prazas en residencias”.
Lembrou que o goberno socialista construíu en tres anos e medio un 1.495 por cento máis de vivenda pública da que fixo o PP en 17, garantira atención sanitaria en menos de 48 horas, libros de texto de balde e servizos públicos de calidade en tódolos concellos grazas ao Plan Concertado e ao Pacto Local. Tamén blindara por Lei o dereito á igualdade salarial e construíu máis residencias e centros de día que nunca.
Aquel goberno, lembrou, deixara en marcha un Plan Eólico pensado para que Galicia liderara o sector en España, e uns medios de comunicación líderes de audiencia “porque había pluralidade e credibilidade”.
Lara Méndez lamentou que aquel modelo de futuro foi malogrado polo “desmantelamento” sistemático por parte do PP, que mudou os dereitos pola “política de bonos” para “suplir a falla de planificación e de xestión”, que “non transforman, non xeral riqueza, emprego nin melloran a calidade de vida da cidadanía”. Pola contra, dixo, constrúen unha “Galicia caridade” que “xera dependencia, e polo tanto a política de clientelismo que practica o PP”.
O Debate rematou con dúas propostas de resolución do Grupo Socialista aprobadas, unha delas para reclamarlle á Xunta que garanta a dotación suficiente de profesorado de apoio, así como persoal coidador e orientador, asegurando a cobertura en tódolos centros galegos en función das necesidades reais do alumnado.
“Son un fraude”
Méndez espetoulle ao PP que “son un fraude” logo de constatar que o goberno galego incumpre a proposta de Resolución que transaccionaron cos socialistas mesmo antes de aprobala. Sinalou que ao mesmo tempo que se comprometían a nomear ao director do CGAC cun proceso xusto estaban a abrir o procedemento de selección ”a dedo”, co que “eliminan a posibilidade dunha dirección artística de calidade e pechan a porta a un procedemento aberto público e transparente”.
A responsable socialista criticou que a proposta estrela da intervención do presidente da Xunta na primeira sesión do Debate do Estado da Autonomía teña sido “perseguir aos traballadores e traballadoras”. A parlamentaria socialista tirou de sarcasmo para afearlle ao PP e ao goberno galego de culpar aos traballadores das baixas laborais que, dixo, “non é pola presión laboral nin pola falla de facultativos” que os atendan para certificar a súa situación.
Tamén ironizou co nivel de cumprimento as propostas de Resolución do que presumiu o portavoz do PP, xa que lembrou que o 68 por cento das súas propostas están dirixidas ao Estado que “con enviarlles mañá unha carta xa as teñen cumpridas”, e as que están dirixidas á Xunta limítanse a pedir que “continúen a facer” as súas políticas.
Propostas de Resolución
A responsable socialista sinalou a continuación as 40 propostas de Resolución que presentaron os socialistas galegos “para reconstruír os dereitos desmantelados polo PP” logo de 17 anos de goberno. Así, Explicou que os socialistas galegos centraron as propostas na garantía do dereito á vivenda, a recuperación da sanidade pública de calidade, o dereito ao ensino de calidade ou o dereito á Dependencia e o incremento de prazas nas residencias públicas.
Reivindicou o dereito á transición industrial xusta fronte á única medida do PP centrada a ampliar o capital público da sociedade Recursos de Galicia, un “chiringuito” no que a pesares de que o goberno galego ten o 30 por cento do capital seguen a negarse a entregar o acordo “segredo” con Altri para a macrocelulosa. Os socialistas galegos reclamaron tamén unha resolución administrativa denegatoria que dea o carpetazo definitivo ao proxecto que “a cidadanía non quere”.
Tamén pediu unha Comisión bilateral entre o Estado e a Xunta para que o goberno galego participe das decisións e política aeroportuaria, e garantir o dereito á mobilidade tanto aérea como interurbana e por autoestrada. Neste sentido, reclamoulle ao PP que implante nas autoestradas galegas as mesmas bonificacións do 75 por cento das peaxes que o Estado está a aplicar na AP-9 por iniciativa do secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro.
Ademais, os socialista galegos presentaron unha proposta para subliñar o Non á Guerra, que foi rexeitada polo PP, e reclamaron un novo modelo integral de prevención contra os incendios forestais e que presenten o Pladiga, que tiña que ter sido aprobado hai 7 meses, así como un Plan integral de remuda xeracional no sector agrogandeiro e axudas para o sector do marisqueo.
A responsable socialista reivindicou “máis autogoberno fiscal”, e emprazou ao PP a aceptar dunha vez a condonación da débeda proposta polo Estado, porque “dicirlle non a 4.000 millóns non o entenden nin a miña avoa nin a miña filla”. Tamén propuxo a paralización da Lei de Administración Local para consensuala cos concellos, garantir que o galego sexa oficial en Europa, recoñecer o dereito á interrupción voluntaria do embarazo na Constitución e o dereito á memoria democrática.
Texto das propostas de Resolución do Grupo Socialista aprobada hoxe:
Proposta de Resolución núm. 14 do GP Socialista
-“O Parlamento galego insta a Xunta de Galicia a garantir de maneira inmediata a dotación suficiente de profesorado de apoio, incluíndo especialistas en Pedagoxía Terapéutica e Audición e Linguaxe, así como persoal coidador e orientador, asegurando a cobertura estable e adecuada en todos os centros educativos públicos de Galicia en función das necesidades reais do alumnado”.
Proposta de Resolución resultante da transacción entre o GP Popular de Galicia e o GP Socialista verbo da Proposta de Resolución núm. 36 do GP Socialista
-“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a desenvolver a Lei de cultura inclusiva e accesible de Galicia, promovendo as condicións para que a liberdade e a igualdade da cidadanía sexan reais e efectivas, ao tempo que garanta a equidade no proceso de selección para a dirección de entidades artísticas”.