
A deputada socialista Patricia Iglesias reclamoulle ao Goberno de Rueda medidas para reverter a caída da produción, superar o bloqueo xudicial e garantir a recadación do canon para os concellos
A deputada socialista Patricia Iglesias pediulle hoxe á Xunta explicacións sobre como pretende “reverter a caída de produción renovable en Galicia e superar o actual bloqueo eólico, garantindo planificación, seguridade xurídica e beneficios reais para os territorios”, especialmente tras a imposición de repotenciacións dos parques e a consecuente perda de recadación do canon eólico para os concellos, nalgúns casos, cun descenso do 60 %.
Iglesias advertiu en comisión parlamentaria sobre os tres problemas “moi claros” nos que está a insistir o Goberno de Rueda, como son a falta de planificación, o “novo erro” que constitúen esas repotenciacións obrigatorias e a falla de transparencia da sociedade Recursos de Galicia.
“Galicia ten potencial para liderar as renovables, e sobre todo a enerxía eólica, pero o que non ten é un Goberno que estea á altura para liderar a transición enerxética neste país”, salientou sobre unha política de “parches e máis parches” por parte do PP durante 17 anos que deu como resultado que a comunidade pasase de liderar a produción eólica en España a ocupar o cuarto lugar. Segundo recordou, iso está a lastrar a produción eléctrica, que caeu arredor dun 10 % no último lustro.
“Non hai folla de ruta, non hai modelo ordenado e iso é o que explica que hoxe Galicia teña case 90 parques paralizados”, asegurou a deputada do PSdeG, e sinalou que “sen planificación non hai transición enerxética”. Afirmou tamén que unha repotenciación imposta “xera inseguridade xurídica” e invita aos promotores a escoller: “Ou invisten en repotenciación ou en novas autorizacións de parques”.
Respecto de RdG, subliñou que a compañía naceu con “máis preguntas que respostas” e que permanece “sen rendición de contas” pese a que o Consello de Contas xa defendeu en dous informes que por ser a Administración autonómica o socio maioritario debe aterse ás normas de transparencia e fiscalización. Mais, lonxe de facelo, segue a promover, segundo dixo, operacións “que xeran dúbidas evidentes de conflitos de intereses”. Entre elas, apuntou “a compra de chatarra eólica” dunha empresa privada por valor de 700 millóns de euros ou a recente adquisición do parque de Mondigo, “que, a priori, parece favorecer máis ao vendedor que á baixada da luz dos veciños da zona de afección arredor das instalacións”, arredor de medio milleiro de habitantes de Ribadeo, Trabada e Barreiros.
“Galicia necesita renovables, Galicia necesita industria Sostible, pero Galicia necesita, sobre todo, un Goberno que planifique”, concluíu Patricia Iglesias.