

Carmen R. Dacosta alerta de que a falla de control do Sergas e o abuso de contratacións directas derivou en prácticas fraudulentas que están a ser investigadas
A parlamentaria socialista Carmen Rodríguez Dacosta esixiulle hoxe á Xunta que “máis control, máis transparencia e máis responsabilidade” logo da denuncia por presunta falsidade documental e estafa en clínicas privadas de Ourense contratadas polo Sergas. Dacosta acusou ao PP de negarse a asumir as consecuencias da falla de control nos contratos coa sanidade privada, logo de que rexeitaran unha proposición non de Lei reclamando un expediente informativo, unha auditoría independente e medidas sancionadoras.
A responsable socialista reclamoulle ao goberno galego que asumira responsabilidades logo de que a Fiscalía denunciara ao Centro Médico El Carmen, O Grupo Recoletas Salud Ourense e responsables directivos por cobrarlle ao Sergas anestesias locais a prezo de sedacións totais. Dacosta puxo o foco na falla de control do goberno galego na execución dos contratos coas clínicas privadas que xa apuntara o Consello de Contas na fiscalización do exercicio 2024.
Advertiu que este caso deriva dun “modelo que leva anos funcionando con deficiencias evidentes de control, de transparencia e de supervisión”, xa que “o Sergas non verifica con suficiente rigor o que factura”, e que “consolida prácticas que hoxe están a ser investigadas”. Acusou ao PP de impulsar “de forma consciente” un modelo “sen as garantías suficientes para asegurar un uso rigoroso dos fondos públicos”.
Explicou que “o que está investigando a Fiscalía non é unha excepción, é o síntoma dun modelo que o Consello de Contas xa advertiu e a Xunta decidiu non corrixir”. Aludiu ao informe de fiscalización da asistencia sanitaria externalizada en Ourense en 2024, no que alertaba do incremento das derivacións á sanidade privada abusando da figura da autorización de uso, lonxe dos principios básicos de concorrencia, publicidade e transparencia.
Aquel informe, lembrou, alertaba de “debilidades no control, ausencia de soporte contractual en determinados ámbitos e mesmo incidencias na facturación”, un aviso que “non foi atendido polo Sergas” e que hoxe “vense amplificados nunha investigación xudicial”. Dacosta esixiulle ao goberno galego que “asuman responsabilidades e revisen, suspendan ou, se é o caso, extingan as autorizacións que uso que non se axusten ao marco legal”.