

O eurodeputado galego Nicolás González Casares pregúntase se a Xunta e Ángeles Vázquez “van asumir a factura” das ilegalidades e os problemas que derivan da súa irresponsabilidade
O socialista apunta tamén que o Goberno de Sánchez traballa xa nun real decreto para corrixir a situación e evitar sancións
O vicepresidente executivo da Comisión Europea, Stéphane Séjourné, acaba de confirmar ao eurodeputado socialista galego Nicolás González Casares o que o PP leva anos negando: que a súa reforma da Lei de Costas vulnera o dereito comunitario. En resposta a unha pregunta parlamentaria, Séjourné é taxativo: a lexislación española aprobada en 2013 e 2014 viola a Directiva de Servizos e o principio de liberdade de establecemento recollido no artigo 49 do Tratado de Funcionamento da Unión Europea.
En concreto, a Comisión reprocha dúas cousas á lexislación española. A primeira, que permite prorrogar concesións no dominio público marítimo-terrestre ata un máximo de 75 anos. A segunda, que non establece ningún procedemento de selección imparcial e transparente para a adxudicación desas concesións. Por ambas as razóns, Bruxelas ten aberto un procedemento de infracción que segue en tramitación.
“A resposta é cristalina e desbarata, unha vez máis, as excusas da Xunta e da conselleira de Medio Ambiente, que novamente fica á altura do betún”, sinalou González Casares. “Fronte ás cortinas de fume e as acusacións persoais de Ángeles Vázquez, a claridade meridiana da lexislación comunitaria”, engadiu.
O eurodeputado galego preguntouse se “van ser a Xunta do PP e Ángeles Vázquez quen asuman a factura das ilegalidades cometidas ao abeiro dunha lei que viola a normativa europea, pois o que están a facer é crear unha inmensa inseguridade xurídica aos concesionarios”.
González Casares lembrou que o Goberno de Pedro Sánchez está xa a traballar para corrixir a situación mediante un real decreto de modificación do regulamento xeral de Costas, actualmente en trámite de información pública ata o 15 de abril. “Ángeles Vázquez debera deixar de perxudicar a cidadáns e empresas e sumarse á busca de solucións, en lugar de seguir creando problemas”, reclamou.
Ademais, o eurodeputado denunciou a “incoherencia” do PP, que votou a favor en Europa de normas que esixen procedementos de selección imparciais e transparentes na adxudicación de concesións -ata tres eurodeputados galegos do PP apoiaron a Directiva de Servizos en 2006- pero que, cando goberna en España, aproba leis que violan eses mesmos principios. Casares lembrou tamén que a Lei de Costas non é un caso illado: segue aberto outro procedemento de infracción pola prórroga da concesión da AP-9 concedida polo Goberno de Aznar. Para González Casares, o patrón é claro, “privatizar beneficios na explotación do espazo público”.