
Carmen R. Dacosta lembra que o Pladiga segue sen aprobar cinco meses despois de que rematase o prazo legal, que a lei de lumes prometida en 2017 nunca chegou e que as 123 recomendacións do Ditame parlamentario de 2018 quedaron en papel mollado
A deputada socialista esixe á Xunta prevención durante todo o ano e deixar de descargar competencias nos concellos: “En Galicia sufrimos de falta de prevención crónica”
A deputada socialista Carmen Rodríguez Dacosta respondeu hoxe ás recentes declaracións do director xeral de Defensa do Monte, Manuel Francisco Gutiérrez, onde recoñeceu que Galicia se enfronta a incendios en “escenarios completamente novos” marcados polo cambio climático. Para Dacosta, o diagnóstico confirma o que o PSdeG leva anos denunciando: “Os expertos xa advertiron de que viñan incendios de quinta e sexta xeración, fora de toda capacidade de extinción. E a Xunta seguiu apostando só por un sistema de reacción. Chegan sempre tarde”.
“Nin é terrorismo incendiario, nin é o ADN dos galegos. O que hai é un abandono do monte de manual, falta de ordenación forestal e un déficit crónico de prevención. Todo iso que depende da Xunta”, sinalou a deputada ourensá.
Dacosta lembrou que o Pladiga 2026 segue, a día de hoxe, sen aprobarse malia que a lei establece que debe estar publicado antes do 31 de outubro do ano anterior. O pasado 23 de marzo a Xunta limitouse a presentar un borrador, pero a aprobación formal non chegou. “Falamos de cinco meses sen planificación actualizada. E o peor é que o propio borrador xa asume que van arder ata 29.200 hectareas, fronte ás 18.500 do plan anterior. Non planifican e polo tanto xa saben que isto irá a peor”.
123 recomendacións en papel mollado
A deputada reclamou o cumprimento do Ditame parlamentario de xullo de 2018, aprobado por tres cuartas partes da cámara tras a onda de lumes de outubro de 2017. Contiña 123 recomendacións sobre prevención, extinción e ordenación forestal. “A inmensa maioría non se executaron. E a lei de loita integral contra os incendios, que a propia Xunta cualificou de prioritaria e imprescindible, segue nun caixon sete anos despois”.
Dacosta esixiu á Xunta prevención durante todo o ano, ordes e convocatorias dentro de prazo, deixar de descargar competencias nos concellos, aprobar o Pladiga cando corresponde e poñer en marcha os plans de ordenación de recursos forestais.
“O verán pasado arderon 120.000 hectareas. O incendio de Larouco foi o máis grande da historia de Galicia. Houbo 2.200 confinamentos e 400 evacuacións. Un terzo dos parques naturais e o 40% das zonas ZEPA de Red Natura arderon na última década. Se a Xunta segue fiando todo á reacción e á propaganda, estamos condenados a repetir o 2025 o incluso empeoralo”, concluiu a deputada.