

Silvia Longueira reivindica un “proxecto de país á altura do talento de Galicia” para desenvolver unha industria audiovisual lastrada por un goberno que “pensa en pequeno cando estamos preparados para xogar en grande”
A portavoz de Cultura do Grupo Socialista, Silvia Longueira, acusou hoxe ao goberno galego de “limitarse a administrar subvencións” no canto de despregar unha verdadeira política que consolide á industria audiovisual. Así o dixo na comparecencia do director xeral da Axencia Galega das Industrias Culturais en Comisión parlamentaria para dar conta das, segundo Longueira, “insuficientes e fragmentadas” liñas de apoio ao audiovisual galego.
A responsable socialista censurou que a política de axudas ao audiovisual por parte do goberno galego é “insuficiente para dar o salto definitivo” porque o sector “non necesita sobrevivir, necesita medrar, e para iso require de recursos, estratexia e ambición” dos que a Xunta carece. Reclamou un “proxecto de país á altura do talento de Galicia” e non o “modelo fragmentado, disperso, feito de pequenas convocatorias insuficientes para competir”.
Advertiu que mentres outras autonomías “avanzan, captan rodaxes, consolidan empresas e xeran empreso estable”, o desleixo do goberno galego redúcese a un “modelo de baixa intensidade, onde o talento emigra ou se precariza”. Subliñou a “contradición” dun goberno que “presume de apoiar ao audiovisual pero mantén unha CSAG -antes CRTVG- que non exerce como motor, presumen de axudas pero sen o investimento necesario, e presumen de modelo, pero non dá os resultados que merecemos”.
Reivindicou unha “verdadeira política audiovisual” que aumente o investimento público de maneira decidida, que aposte por proxectos de maior escala, cunha planificación a medio e longo prazos e reforce o papel estratéxico da CSAG. Engadiu que “Galicia non pode conformarse con ter talento, sen que ter ambición, e o problema non é o sector, senón un goberno que segue a pensar en pequeno cando estamos preparados para xogar en grande”.