

Carmen R. Dacosta esíxelle á directora xeral do ente que “asuma responsabilidades” logo da sentenza do TSXG que constata represalias contra os traballadores e traballadoras que participan no movemento de protesta
A parlamentaria socialista Carmen Rodríguez Dacosta acusou hoxe á dirección da CSAG -antiga CRTVG- de vulnerar os dereitos fundamentais dos traballadores e traballadoras que participan no movemento Defende A Galega. Dacosta presentou unha pregunta oral na Comisión de Control do Parlamento logo dunha nova sentenza do TSXG ratificando a vulneración dos dereitos dunha traballadora e obrigando a repoñela no seu posto cunha indemnización por danos morais.
A parlamentaria socialista esixiulle á directora xeral que asuma responsabilidades diante desta sentenza, e acusouna de “pasar de puntillas” e “mirar para outro lado” cando “o mínimo que espera é análise e vontade de corrección”, no canto de “negación, xustificación e continuidade”
Dacosta advirte que o tribunal confirmou que a dita traballadora fora represaliada movéndoa do seu posto a raíz de participar no movemento de protesta contra a manipulación informativa nos medios públicos e para reivindicar a independencia profesional, o pluralismo informativo e o cumprimento da Le de Medios Públicos. A responsable socialista denunciou que esta sentenza, lonxe de ser un caso illado, representa un “modus operandi escandaloso, indignante, vergoñento e ilegal”.
Lembrou que a dirección do ente leva “centos de procedementos laborais perdidos” nos anos de conflito laboral e mobilizacións durante máis de 400 “venres negros” protagonizados polos profesionais que integran o colectivo. Advertiu que a CRTVG “está a acumular sentenzas que falan de despedimentos improcedentes, de irregularidades na contratación e, tamén, como este caso de vulneración de dereitos fundamentais”.
Sinalou que “non se poden adoptar decisións que impliquen unha reacción adversa fronte á actividade reivindicativa, sindical ou xudicial dunha persoa traballadora”, que resultan “de todo punto incompatibles co funcionamento normal” dun medio público de comunicación.