
O PSdeG ponlle cifras á “deixadez e inoperancia” do mandato: listas de espera disparadas, vivenda bloqueada, incendios sen cambios na prevención e unha Xunta sen resposta fronte á crise económica
“Rueda vai chegar ao Debate do Estado da Autonomía cun discurso que xa coñecemos. O problema é que cada vez encaixa peor co que está pasando fóra do Parlamento”. Así o sinalou hoxe a viceportavoz parlamentaria do PSdeG, Elena Espinosa, que avanzou que o presidente “volverá tirar de triunfalismo mentres a realidade vai por outro lado”.
Espinosa debuxou un panorama marcado por atrasos acumulados e promesas que non pasan do anuncio. “Hai 378.749 persoas nas listas de espera do Sergas. Iso tradúcese en consultas que non chegan, probas que se alongan meses e intervencións que se van adiando sen data clara”.
A deputada puxo o foco na evolución dos datos. “Os tempos medran, as listas engordan e a resposta da Xunta segue sendo a mesma: deixar pasar o tempo e, cando xa non hai máis marxe, derivar á privada”. Lembrou que hai probas que superan con moito os seis meses de espera. “Así é moi difícil que a xente confíe no sistema”.
En vivenda, Espinosa falou directamente de bloqueo. Máis de 30.700 familias están inscritas no rexistro e a cifra segue subindo cada día. “Hai moito anuncio, pero pouca obra e pouca execución”. Apuntou á evolución dos orzamentos: cifras que soben durante o ano e que logo baixan sen explicación, cunha parte importante sen gastar. “E mentres tanto, a demanda segue medrando”.
No ámbito dos incendios, a crítica centrouse no que pasou e no que non cambiou despois. “O verán pasado arderon 120.000 hectáreas, incluído o incendio de Larouco. E a día de hoxe non hai unha revisión clara da política de prevención”. Sinalou que seguen pendentes medidas comprometidas, con convocatorias sen resolver e fondos que quedaron sen executar. “E mesmo o Pladiga manexa cifras de superficie queimada superiores ás do ano anterior”.
Espinosa tamén puxo enriba da mesa a situación dos servizos sociais. “Hai miles de persoas maiores agardando por unha praza residencial e as familias seguen sen ver avances”. Lembrou o compromiso de 24 residencias anunciado no debate anterior. “Un ano despois, non hai novidades”.
Sobre a resposta económica á crise derivada da guerra impulsada por Trump, a deputada comparou cifras e ritmos. “O Goberno central actuou dende o primeiro momento e outras comunidades están a mobilizar recursos de maneira clara. Aquí, o plan chega tarde e queda curto”. Insistiu en que moitas empresas seguen sen certezas sobre as axudas.
A viceportavoz socialista avanzou que o PSdeG levará propostas centradas en reforzar a sanidade pública, mobilizar vivenda e mellorar os servizos sociais. “Pero como sempre, Rueda virá, fará oídos xordos, falará dunha Galicia que non recoñece ninguén… e marchará”.