

Paloma Castro leva ao Parlamento a voz das mariscadoras e esixe virar o plan cara a axudas directas e medidas que se noten no día a día
O PSdeG decidiu dar un paso máis no Parlamento ante a situación límite que atravesa o marisqueo galego. A deputada Paloma Castro rexistrou unha batería de iniciativas tras escoitar directamente ás mariscadoras da asociación Mulleres Salgadas, que esta semana puxeron enriba da mesa unha realidade que xa non admite maquillaxes.
A realidade é outra: menos produción, máis incerteza e cada vez máis dificultades para manter a actividade. Ao esgotamento dos bancos marisqueiros súmanse o impacto do cambio climático e a presión ambiental, deixando a moitas traballadoras cun futuro incerto e cada vez máis difícil de soster.
Neste contexto, o plan de 23 millóns anunciado pola Xunta queda curto. Non porque falte diñeiro, que tamén, senón porque non está posto onde realmente fai falta: “Non abonda con anunciar cifras. O problema é en que se gastan e cando chegan”, resume Castro.
Por iso, o PSdeG leva ao Pleno unha proposta concreta para reordenar o plan desde a base. Aquí o que está en xogo é claro: menos medidas accesorias e máis apoio directo ás persoas que están sostendo o sector.
Entre as prioridades, o grupo socialista reclama que as axudas cheguen a tempo, que non se queden atrapadas en prazos administrativos que lles restan utilidade. Tamén poñen o foco nunha reivindicación recorrente do sector: que o marisqueo a flote deixe de quedar fóra e teña o mesmo trato que o resto.
A proposta incorpora ademais un paquete de medidas sociais adaptadas á realidade das mariscadoras, especialmente nos períodos nos que non poden faenar. Nesa liña, deféndese unha bonificación autonómica das cotas á Seguridade Social para aliviar a presión económica neses momentos.
O texto tamén insiste na necesidade de reforzar os plans de rexeneración dos bancos marisqueiros, con máis medios técnicos e humanos, e en garantir a viabilidade das confrarías con axudas directas que lles permitan seguir funcionando como estrutura clave do sector.
No plano organizativo, o PSdeG introduce unha advertencia: sen democracia interna e sen igualdade real, tampouco hai futuro para o marisqueo. Por iso, reclama asegurar a representatividade nas confrarías e abrir máis espazo ás mulleres nos postos de decisión.
Xunto á proposición non de lei, Paloma Castro rexistrou tamén unha pregunta oral ao presidente da Xunta e unha interpelación co mesmo fondo: se o Goberno galego vai rectificar e orientar os recursos cara a medidas que realmente teñan impacto na vida das mariscadoras.
O obxectivo das e dos socialistas é obrigar á Xunta a posicionarse e a explicar por que nun momento tan crítico segue apostando por un modelo que o sector xa considera insuficiente.