
Lara Méndez critica a “pouca vergoña” do PP de reclamar axudas fronte ás consecuencias dunha guerra que aplauden e esixe que digan “Non á Guerra; alto e claro”
A portavoz de Agricultura do Grupo Socialista, Lara Méndez, criticou hoxe a “hipocrisía supina” do PP, que presentou hoxe en Comisión no Parlamento unha proposta para reclamarlle ao Estado axuda para o sector primario fronte ás consecuencias da guerra. Criticou que presenten esta proposta menos de 24 horas despois de absterse no Congreso na votación do decreto que mobilizará 5.000 millóns en 80 medidas.
Méndez censurou a “pouca vergoña” do PP, que reclama agora medidas de axuda fronte a unha guerra que Feijóo non tardou nin dez horas en aplaudir, dicindo que a actuación de Trump en Irán fora “unha boa intervención”. Esixiulles que retiren a iniciativa e “digan Non á Guerra alto e claro, sen paliativos”.
A responsable socialista acusou ao PP de terse posto “de perfil” na votación de onte que incorporará entre outras moitas medidas axudas extraordinarias de 20 céntimos por litro para o gasóleo agrario, cun crédito extraordinario de 52 millóns para financiar as axudas. Tamén inclúe axudas extraordinarias fronte ao aumento do custe dos fertilizantes, e incrementar o control público fronte aos abusos.
Advertiu que mentres critican as medida postas enriba da mesa polo goberno en Galicia anuncian un paquete de apenas 150 millóns de euros que as organizacións e sectores afectados xa cualificaron de “totalmente insuficientes”. Advertiu que o Plan do goberno galego palidece fronte aos 1.000 millóns de euros que puxo enriba da mesa o País Vasco ou os 900 millóns do goberno de Murcia, con menos habitantes e un sector agrogandeiro inferior ao galego.