

O deputado Aitor Bouza anunciou que o Executivo partía de 60 millóns, elevou o orzamento ata 103 e acabou recortándoo no último trimestre, deixando sen gastar máis da metade nun dos principais problemas sociais de Galicia
A política de vivenda da Xunta volve quedar en evidencia cos seus propios datos: recortou a partida no tramo final do ano e deixou sen gastar máis da metade dos fondos mentres o acceso a unha vivenda segue sendo o primeiro problemal para milleiros de galegos e galegas.
O PSdeG puxo números enriba da mesa para cuestionar a xestión do Goberno galego. O deputado socialista Aitor Bouza denunciou que a Xunta non só moveu á baixa os fondos no último tramo de 2025, senón que ademais deixou sen executar practicamente a metade do orzamento dispoñible.
Bouza compareceu cun documento oficial da propia Xunta para apoiar as cifras. “Son os seus datos. Non hai máis lectura”, advertiu. O orzamento inicial para vivenda era de 60 millóns de euros. Ao longo do ano, a Xunta elevouno ata os 103 millóns. Pero no último trimestre, esa cifra reduciuse ata os 61 millóns. “A pregunta é clara: onde foron parar eses cartos que no terceiro trimestre estaban e no cuarto xa non?”, expuxo.
A iso sumou a execución real: “A Xunta quedou nun 53,9%, deixando sen utilizar máis da metade dos fondos dispoñibles en materia de vivenda”.
Bouza insistiu en que os datos desmontan o discurso oficial. “Fálase moito de prioridade, pero despois non se ve nin nos feitos nin na execución”, apuntou. O deputado puxo o foco nas consecuencias directas: “Isto tradúcese en mozos e mozas que non poden emanciparse, en familias que non atopan unha vivenda e nun mercado cada vez máis tensionado”.
Tamén cuestionou a actitude da Xunta fronte ao Goberno do Estado. “Non ten sentido sinalar a outros mentres aquí se deixan sen gastar recursos propios nun problema evidente”.
Polo tanto, anunciou que o PSdeG levará esta cuestión ao Parlamento de Galicia cunha batería de iniciativas e solicitará a comparecencia da conselleira e do presidente da Xunta: “Van ter que explicar por que se recortaron fondos no último trimestre e por que non se executaron. Porque estamos falando de cartos públicos que tiñan que estar xa na rúa, non parados nun despacho.”