

Aitor Bouza denuncia “improvisación permanente” na sanidade pública diante do bloqueo de Urxencias do CHUS derivado do desbordamento da Atención Primaria
Santiago de Compostela, 26 de marzo de 2026. O parlamentario socialista Aitor Bouza reclamou hoxe a dimisión do xerente da Área Sanitaria de Santiago como principal responsable da “incapacidade absoluta” para xestionar o colapso do servizo de Urxencias do CHUS provocado polo desbordamento da Atención Primaria. Bouza presentou unha pregunta oral na Comisión de Sanidade do Parlamento pola situación “calamitosa” da Área Sanitaria.
O responsable socialista reclamou hoxe a “asunción de responsabilidades” por parte do xerente da Área, que “evidentemente non está á altura do que precisa a cidadanía” no exercicio do seu cargo, e que está a provocar unha marea de reclamacións dende as asociacións de pacientes.
Bouza presentou esta iniciativa logo de que o director xeral do Sergas xustificara o 6 de novembro o colapso como unha cuestión “puntual” que, explicou o parlamentario socialista, se repetiu apenas días despois, o 11 de novembro, e de novo en decembro, xaneiro e febreiro. Salientou a situación “dramática” con ata 20 pacientes “aparcados” nos corredores de Urxencias, e as persoas maiores agardando 16 horas a que chegara a ambulancia para recibir a asistencia a domicilio.
Advertiu que hoxe mesmo o propio deputado pediu cita para Atención Primaria, que lle retrasan ata o próximo 13 de abril, o que supón que os pacientes teñan que acudir a Urxencias porque “o antibiótico non chega por influenza divina”. Alertou da situación das esperas, xeneralizadas en todo o servizo sanitario, cando Santiago encabeza as listas de espera para operacións cirúrxicas e as mulleres teñen que agardar 166 días para unha ecografía de mama.
Criticou que o propio conselleiro xustificara os incrementos das esperas en Santiago “porque non se pode derivar á privada”, e esixiulle ao director xeral de Asistencia Sanitaria, que hoxe veu responder a esta pregunta, que explicara se estaban a chamar aos pacientes para derivalos á privada. Bouza acusou ao PP de privatizar o servizo a conta de “colapsar a sanidade pública” reducindo os recursos materiais e humanos “para que a xente teña que marchar á privada”
O parlamentario socialista esixiulles o reforzo do sistema para volver a unha “sanidade pública, gratuíta e de calidade”, e que comecen por “derrogar o Plan de continxencia” ao que alude o goberno galego porque “non vale para nada” á vista da “situación calamitosa” da sanidade pública nesta área sanitaria.