
A secretaria de Transportes da Executiva e deputada, Patricia Otero, lembrou que o procedemento se está a impulsar nunha comisión baixo presidencia socialista e valorou que hoxe xa se reuniu a ponencia encargada de informar a proposición de lei
“Non imos permitir que niguén use este debate para frear o que de verdade importa: que a autoestrada deixe de ser un castigo para os petos dos galegos e galegas, do que o único culpable é o Partido Popular”, afirmou
A deputada Patricia Otero defendeu hoxe que o procedemento para o traspaso da AP-9 á Administración galega segue dando pasos grazas aos socialistas. Tras a reunión da ponencia encargada de informar a Proposición de Lei Orgánica de Transferencia da Titularidade e as Competencias da Autoestrada do Atlántico á Comunidade Autónoma de Galicia, celebrada esta mañá, Otero confrontou os avances que se están a dar neste asunto co que acontecía cando gobernaba o PP. “Con Rajoy non se chegou nin sequera á toma en consideración da lei”, recordou para precisar que a presidenta do Congreso era, por aquel entón, “unha galega, Ana Pastor, que a bloqueou en dúas ocasións”.
A congresista, que tamén ocupa a secretaría de Transportes na Executiva do PSdeG, salientou que a comisión na que se está a tramitar o procedemento “ten presidencia do PSOE”, o cal mostra, segundo afirmou, que a transferencia “avanza cos socialistas”. Pola contra, o Partido Popular “só a reclama cando non goberna”, algo que cualificou de “oportunista e mesmo hipócrita”.
Patricia Otero lembrou tamén que foi un Goberno popular, o de Aznar, o que ampliou a concesión da autoestrada ata o ano 2048, nunha decisión “que agora mesmo está sendo cuestionada por Bruxelas”. “Primeiro regalou a AP-9 e despois impediu calquera solución, e agora pretende dar leccións”, criticou.
Fronte a esa actuación do PP, subliñou que foron os socialistas “os únicos que deron pasos reais para que os galegos e galegas paguen menos polas peaxes, a través de bonificacións que chegan ata o 75 %”. “E fixémolo en solitario, pero iso é o que máis lle importa e o que demanda a cidadanía”, salientou. Nese senso, asegurou que o Partido Socialista “non vai permitir que ninguén use o debate sobre a transferencia para frear o que de verdade importa, que é que a autoestrada deixe de ser un castigo para os petos dos galegos e galegas, un castigo do que o único culpable é o PP”.