

A deputada Elena Espinosa sinalou en Comisión que o único recurso da comarca está saturado e deixa a Oia sen cobertura, “malia ter un 27% da poboación maior de 65 anos”
Lamenta a “insensibilidade total” do PP cos maiores de Oia ao negarse a apoiar o novo Centro de Día para o Concello
O PSdeG reclamou a creación urxente dun centro de día en Oia para garantir a atención ás persoas maiores e evitar desprazamentos diarios de ata 50 quilómetros por falta de recursos na contorna. Así o trasladou a deputada socialista Elena Espinosa, nunha proposición non de Lei na Comisión de Economía do Parlamento que foi rexeitada hoxe polo PP, amosando, dixo, unha “insensibilidade total” cos maiores do Concello.
Espinosa explicou que o concello, con arredor de 3.000 habitantes, presenta unha estrutura demográfica claramente envellecida: un 27% da poboación supera os 65 anos fronte a apenas un 12,6% de menores. Un perfil coñecido desde hai anos que, segundo explicou, non foi acompañado dunha planificación axeitada por parte da Xunta en materia de servizos sociais.
Para a deputada, a situación agrávase cando se mira arredor porque o único centro de día da comarca está en Tomiño, con 40 prazas xa ocupadas: “Iso tradúcese nunha consecuencia directa: desprazamentos diarios de ata 50 quilómetros, máis dunha hora de traxecto, para poder acceder a unha praza… se se consegue. Se non, queda outra opción: ir probando sorte noutros puntos da provincia”.
Espinosa advertiu de que esta realidade penaliza especialmente ás persoas maiores con mobilidade reducida e ás familias coidadoras, que ven incrementada a súa carga diaria e reducidas as posibilidades de conciliación.
A socialista lembra que esta demanda leva tempo sobre a mesa. En novembro de 2024 o Grupo Parlamentario Socialista xa solicitou que a Xunta incluíse unha partida nos orzamentos para poñer en marcha este centro. Dende entón, “sen avances nin confirmacións de que Oia estea incluída na planificación autonómica”.
Por iso, o PSdeG volve insistir en que o próximo orzamento recolla de maneira clara o compromiso de financiar un centro de día en Oia dentro do plan de equipamentos sociais.
Porque aquí, segundo destacou Elena Espinosa, non se está pedindo nada extraordinario. Fálase de proximidade, de atención digna, de aliviar a carga das familias e de permitir que a xente maior poida seguir vivindo no seu entorno. Pero tamén de algo máis de fondo: de equilibrio territorial, porque “se o rural non ten servizos, o rural esváese. E cando iso pasa, xa non hai marxe para reaccionar a tempo”.
A deputada concluíu sinalando que Oia non pode seguir esperando: “Oia non pode depender dun recurso saturado e afastado mentres a súa realidade demográfica segue avanzando. O que está en xogo non é só un equipamento, é a maneira de entender o país”.