
A secretaria de Igualdade do PSdeG cualifica os feitos de «atentado directo contra a liberdade e a dignidade das mulleres» e avanza propostas concretas de control e protección das traballadoras
Trasladou ás vítimas toda a solidariedade dos e das socialistas e anunciou que as propostas concretas se presentarán nas próximas semanas nas institucións correspondentes
A secretaria de Igualdade da Executiva do PSdeG, Natalia González, expresou hoxe unha “condena rotunda, clara e sen matices” ante o caso de explotación de mulleres coidadoras destapado en Ourense. O que estamos coñecendo, dixo, é simplemente intolerable, impresentable e profundamente inxusto.
A dirixente socialista subliñou a especial gravidade do caso por producirse no sector dos coidados, “un ámbito altamente feminizado e historicamente precarizado”. Segundo explicou, as mulleres afectadas, moitas delas migrantes e en situación de vulnerabilidade, foron sometidas a condicións abusivas, salarios miserables e mesmo á obriga de pagar do seu propio peto ás persoas que as substituían. “Isto non é só explotación laboral: é un atentado directo contra a liberdade e a dignidade das mulleres”, denunciou.
González sinalou que “os e as socialistas non imos suavizar nin unha soa palabra: este tipo de prácticas son asquerosas e non teñen cabida na nosa sociedade. Non podemos permitir que haxa quen faga negocio a costa da precariedade e da necesidade doutras persoas”.
Iniciativas institucionais e depuración de responsabilidades
A secretaria de Igualdade anunciou que o PSdeG levará iniciativas ás distintas institucións para esclarecer a fondo esta situación e reforzar os mecanismos de control que eviten que algo así poida volver suceder. “Témolo claro: imos esixir responsabilidades ata o final. Ten que haber unha depuración completa, porque estamos ante feitos gravísimos que non poden quedar sen consecuencias”, afirmou.
“Non imos quedar só na denuncia: imos actuar”, engadiu González, quen avanzou que xa están a traballar de maneira coordinada coa Secretaría de Igualdade provincial de Ourense para avanzar en propostas concretas que poñan o foco na protección das traballadoras, especialmente das máis vulnerables.
Tamén apuntou á raíz do problema: “Este caso volve poñer enriba da mesa unha realidade que levamos tempo denunciando: a precariedade estrutural no sector dos coidados. E fronte a iso non caben medias tintas. Hai que actuar con decisión política, con recursos e con vontade real de cambio”.
A secretaria de Igualdade trasladou toda a solidariedade do PSdeG ás vítimas e anunciou que as propostas concretas se presentarán nas próximas semanas nas institucións correspondentes. “Estas mulleres teñen que saber que non están soas. E quen vulnerou os seus dereitos ten que saber que isto non vai quedar impune”, rematou González.