
Paloma Castro esixiulle ao Goberno do PP a creación dun Consello da Memoria de Galicia e que recoñeza o papel das mulleres, “as grandes esquecidas do relato histórico e que sufriron unha dobre represión”
A deputada socialista demandou para o pazo de Meirás un plan de usos “para resignificalo desde o punto de vista democrático e tamén orientado ao significado de Emilia Pardo Bazán como referente histórica do feminismo”
O Grupo Socialista no Parlamento galego reclamoulle hoxe á Xunta un avance nas políticas públicas destinadas á recuperación, reparación e restauración da memoria democrática “usurpada polo réxime de represión franquista”.
Durante a sesión plenaria desta mañá, a deputada Paloma Castro criticou que o Goberno galego incumpre “as recomendacións que a lei impón ás administracións autonómicas en materia de memoria” e demandoulle que que abandone as “escusas” e se limite a alegar que xa colabora co Estado na exhumación de fosas, “como se iso fose suficiente”. De feito, apuntou que a Xunta non puxo en marcha ningunha medida activa nesa materia, “e o que é peor, destinou cero euros de orzamento propio desde hai 15 anos”.
Castro lamentou que se sigan “adiando decisións”. “Chegará un momento no que xa non quede ningunha vítima viva á que reparar”, censurou. Por iso Lanzou de novo a proposta de crear un Consello da Memoria de Galicia “e a planificación e dotación orzamentaria de políticas públicas nese ámbito”, o que cualificou de “cuestión de urxencia” á vista do crecemento da ultradereita.
A parlamentaria do PSdeG celebrou a recente sentenza na que se confirma a propiedade pública do pazo de Meirás e invitou a “traballar conxuntamente” nun plan de usos “para que sexa un lugar de memoria e resignificalo desde o punto de vista democrático e tamén orientado ao significado de Emilia Pardo Bazán como referente histórica do feminismo”.
Paloma Castro chamou a “recoñecer o papel das mulleres, as grandes esquecidas do relato histórico e que sufriron unha dobre represión”. En relación con isto, mencionou actos coma o do pasado venres en Madrid “en recoñecemento das vítimas do mal chamado Patronato de Protección de la Mujer”. “En Galicia, miles de mulleres pasaron por esa institución, que estivo activa entre 1941 e 1985”, lembrou sobre “unha das expresións máis crueis e lonxevas da ditadura, un calvario de explotación laboral e vexacións amparado pola Igrexa e as familias adeptas ao réxime”.
“Quedan moitas medidas que levar a cabo para pechar feridas e recoñecer unha parte da nosa historia”, destacou a deputada socialista, que insistiu en esixir “unha vontade política clara e efectiva” por parte do Goberno de Rueda.