

Elena Espinosa aféalle ao PP que rexeite a proposta para cubrir tódalas prazas en Atención Primaria e Urxencias e acúsaos de persistir no erro que levou a Galicia á cola na valoración da sanidade pública
A portavoz de Sanidade do Grupo Socialista, Elena Espinosa, lamentou hoxe a “falta de vontade” amosada polo PP para “cambiar o rumbo” na xestión desastrosa da sanidade pública galega. A responsable socialista defendeu unha moción no Pleno do Parlamento que reclamaba a cobertura de tódalas prazas dispoñibles en Atención Primaria e Urxencias para evitar o colapso do sistema, pero que foi rexeitada polo PP.
Espinosa acusou ao goberno galego de repetir o erro que situou a Galicia nos últimos postos de satisfacción dos usuarios da Atención Primaria, segundo apunta o último Barómetro Sanitario do CIS. A responsable socialista advertiu que Galicia precisa “máis xestión e menos declaracións” e reclamou “transparencia, lealdade e responsabilidade” porque “chegou o momento de deixar de mirar cara outro lado”.
Lembrou que o colapso provocado pola falta de médicos nos centros de saúde, onde as listas de espera dispáranse ata “dúas ou tres semanas” deriva a presión nas Urxencias sanitarias. Por este motivo, emprazou ao goberno galego a convocar tódalas prazas vacantes existentes neste servizo e en Atención Primaria, ofrecendo unha resposta para “evitar tensións banais” no sistema sanitario galego.
Emprazou ao conselleiro de Sanidade a “abandonar a estratexia de buscar escusas sinalando á gripe, ás folgas e ao Ministerio de Sanidade”, e o emprazou a negociar para resolver os problemas de persoal no Sergas, e “evitar situacións como a dos case 50 médicos de Atención Primaria encerrados no Centro de Saúde Olimpia Valencia de Vigo”.
Advertiu que a Xunta “non está a reforzar a Atención Primaria, senón debilitándoa cando están a recorrer a médicos sen especialidade MIR para a sanidade pública cando “existen profesionais nas listas de contratación agardando unha oportunidade”, polo que “a solución pasa por ofrecer condicións laborais máis atractivas”. Esixiu que “poñan fin a esta situación” porque “xa abonda cos problemas de accesibilidade como para engadir riscos na calidade asistencial”.
Elena Espinosa reclamaba tamén recuperar as xerencias de Atención Primaria, que desempeñaban un papel clave na organización e xestión dos centros de saúde, que constituían o “centro de mando que garantía unha atención eficiente, próxima e continua”, ademais de coordinarse coa atención hospitalaria.
Tamén reclamou manter abertas tódalas unidades de hospitalización durante o período estival con tódolos recursos asistenciais operativos e garantir tódalas medias necesarias para garantir que non se repitan as situacións de colapso nas urxencias hospitalaria.