
O deputado Aitor Bouza denuncia que a Xunta fala de modernizar a FP mentres o profesorado asume tarefas administrativas, a inclusión é voluntarismo e as familias pagan a falsa gratuidade
O portavoz de Educación do PSdeG no Parlamento galego, Aitor Bouza, aproveitou hoxe a comparecencia do conselleiro Román Rodríguez sobre a modernización da Formación Profesional para poñer enriba da mesa dous asuntos: o “escandaloso” nomeamento de Santiago Freire como director territorial de Educación na Coruña e o abandono real que sofren os centros de FP en Galicia.
“Vostede vén falar de modernización, pero o primeiro que fixo a súa Consellería foi nomear como xefe de Educación na Coruña a un veterinario que fixo chistes machistas nun 8M e que compartiu imaxes de Franco para celebrar vitorias do PP”, reprochoulle Bouza ao conselleiro. O deputado socialista lembrou que Freire está, ademais, sendo investigado polo Consello de Contas polos seus gastos como alcalde de Noia e que foi apartado da Alcaldía por unha moción de censura en agosto de 2025.
Bouza citou o artigo 38 da Lei 1/2016 de Transparencia, que obriga os altos cargos a adherirse ao Código Ético da Xunta, un texto que fala de “exemplaridade, integridade e honorabilidade”. Tamén ironizou sobre a suposta traxectoria de xestión recoñecida no ámbito da educación que lle recoñeceu o propio Rueda malia a ser veterinario: “Que lle daba clase ás vacas? Ou xestionaba o currículo escolar dos carneiros?”. O Grupo Socialista considera que este nomeamento é incompatible cos principios de igualdade e memoria democrática e reitera a súa esixencia de cese inmediato.
Bouza tamén criticou que vir ao Parlamento a falar de modernización, dixo, “obriga a recoñecer a realidade”. E a realidade é que a FP galega leva anos avanzando “máis polo esforzo do profesorado, dos centros e do alumnado que pola planificación da Xunta”.
O deputado denunciou que o profesorado de FP está a asumir tarefas que non lle corresponden: prospección de empresas, negociación de convenios, xestión administrativa e burocrática. “O profesorado non pode converterse nun axente comercial nin nun xestor administrativo. Ten que poder centrarse no que verdadeiramente importa: a calidade da formación, o seguimento do alumnado e a innovación pedagóxica”, afirmou Bouza, que reclamou persoal administrativo especializado para liberar aos docentes dunha carga que “está a deteriorar o sistema”.
Falta de apoio para a inclusión
A segunda denuncia apuntou directamente á inclusión. Galicia presume de ter unha FP integradora, pero nos talleres e nas prácticas falta profesorado especialista e persoal de apoio para o alumnado con necesidades específicas. “Non se pode delegar no docente dunha especialidade técnica que ás veces traballa con maquinaria perigosa a atención asistencial que precisa este alumnado. Iso non é inclusión. Iso é voluntarismo”, sentenciou o deputado.
Bouza tampouco deixou pasar o que chamou a “falsa gratuidade” da FP pública. Mentres a Xunta presume de investimento, as familias están a asumir custos crecentes derivados da falta de transporte, de axudas insuficientes e dunha planificación territorial inexistente para a FP dual: “Se non hai rede pública de transporte, se non hai bolsas e se non hai planificación, o resultado é unha barreira económica encuberta que vai contra a igualdade de oportunidades”, advertiu.
Fronte a este diagnóstico, o Grupo Socialista propuxo un paquete concreto de medidas: un pacto galego pola FP pública de calidade, un plan de recursos humanos específico para centros de FP, unha rede de apoio á FP dual con estrutura administrativa propia, unha planificación estratéxica ligada ao modelo produtivo galego e unha avaliación independente do impacto real das políticas da Xunta neste ámbito.
“Modernizar non é cambiar o discurso. Modernizar é cambiar as prioridades”, concluíu Bouza. “Se a Xunta quere modernizar de verdade, terá o noso apoio. Se o que pretende é seguir trasladando responsabilidades aos centros sen recursos, terá a nosa crítica. Galicia necesita unha FP á altura do talento do seu alumnado e do compromiso do seu profesorado”.