

Elena Espinosa alerta de que os facultativos denunciaron o ano pasado 945 agresións, das cales 344 foron físicas, unha cada día
Reclama actuar “no fondo do problema” rebaixando as listas de espera e incrementando os recursos sanitarios
A portavoz de Sanidade do Grupo Socialista, Elena Espinosa, dixo hoxe que a reforma da Lei de Saúde supón “un primeiro paso insuficiente” para previr as agresións aos sanitarios. Espinosa interveu no debate final da reforma da Lei, que incorporou 8 das 11 emendas presentadas polo Grupo Socialista dirixidas a protexer ao persoal sanitario, que está a sufrir as consecuencias das deficiencias da xestión na atención sanitaria.
O Grupo Socialista votou a favor desta reforma no debate final por canto supón un avance, malia que sexa mínimo, a favor deste persoal sanitario, incorporando plenamente 3 emendas do Grupo Socialista e outras 5 transaccionadas. Lamentou que o PP deixe fóra do acordo outras 3 emendas que actuaban na orixe do problema, como son a saturación asistencial, os tempos de agarda, a insuficiencia de recursos, a precariedade ou as desigualdades sociais.
Espinosa advertiu que “non ir ao fondo da cuestión é un grave erro”, e subliñou que os socialistas “seguiremos reclamando con determinación novas reformas ata acadar unha protección plena e efectiva para todo o persoal da nosa sanidade pública. Explicou que os sanitarios galegos denunciaron o ano pasado 344 agresións físicas e 601 verbais, o que supón unha agresión física ao día, a inmensa maioría derivadas dos problemas de funcionamento do sistema.
Reclamoulle ao PP e ao goberno galego que atendan ás demandas do persoal, que leva anos reclamando medidas eficaces fronte a unha realidade que “non deixa de agravarse” co detonante das listas de espera inasumibles, as demoras na atención ou a falta de profesionais. Estes son os principais ingredientes dun cóctel explosivo que provoca frustración e impotencia dos pacientes e familiares e que o persoal padece en primeira persoa.
Emendas aprobadas
Espinosa salientou as propostas do Grupo Socialista que foron incorporadas ao texto da norma, coas que recoñece expresamente á violencia psíquica como unha forma de violencia no ámbito sanitario, ademais de que recolle o acoso psicolóxico. Tamén reforzarán a defensa fronte ás agresións leves reiteradas, que pasarán a ser consideradas como graves, cunha medida que incorpora “coherencia e xustiza no réxime sancionador”.
A Lei inclúe a emenda socialista que reforza a protección abrindo a porta a asignar de xeito provisional a outro profesional á persoa presuntamente infractora. Ademais, foi aprobada a proposta para que as campañas de sensibilización sexan permanentes agás que as circunstancias recomenden menor frecuencia, inclúe a obriga de remitir un informe anual con tódalas agresións no ámbito sanitario e permite incorporar políticas integrais de seguridade e saúde.