
O secretario xeral do PSdeG avanzou que o Grupo Socialista levará ao Parlamento unha iniciativa que debe traducirse “nun compromiso coa cidade e co seu patrimonio claro, firme, incondicional” e con financiamento
“É momento de poñer fin a esta discriminación do PP de Galicia, que a leva a cabo co silencio cómplice do PP de Lugo”, reclamou o líder socialista
O secretario xeral do PSdeG e portavoz do Grupo Socialista no Parlamento galego, José Ramón Gómez Besteiro, reclamoulle hoxe a Rueda desde Lugo que a Xunta declare proxecto estratéxico para Galicia a construción do Museo da Romanización na cidade, no antigo cuartel de San Fernando. Esixiu, ademais, que esa declaración “leve implícita o financiamento” para poder executar a actuación no inmoble.
Besteiro recordou que, tal como se evidenciou na gala de celebración do 25.º aniversario do recoñecemento da Muralla como patrimonio mundial, trátase dunha aspiración unánime desde hai xa dúas décadas. “Toda a sociedade civil da cidade e da provincia está con este proxecto”, salientou.
O líder socialista achegouse esta mañá á cloaca romana, último achado arqueolóxico recuperado grazas ao Concello, para reivindicar un espazo axeitado para as máis de 15.000 pezas que se atopan repartidas por diferentes instalacións da cidade e que “na súa inmensa maioría son susceptibles de ser obxecto de musealización”.
Nese senso, subliñou o alto potencial deses restos e da historia de Lugo, que, lembrou, “é tamén un patrimonio de todos os galegos e galegas”. Besteiro valorou, xunto co seu valor patrimonial, a súa repercusión económica. “Falamos tamén dunha industria cultural e unha industria turística”, afirmou.
O secretario xeral sinalou que a Administración local está a asumir en cuestión de patrimonio competencias que non son súas, senón da Xunta, “que ten que comprometerse” co proxecto do cuartel de San Fernando e así asumilas “cun compromiso coa cidade e co seu patrimonio claro, firme e incondicional”.
Besteiro defendeu que o Concello “cumpriu amplamente” a súa parte ao adquirir a propiedade do edificio, declarado ben de interese cultural, por 2,4 millóns de euros para poñelo a disposición da Xunta. E recordou que o alcalde, Miguel Fernández, está agora á fronte dunha reivindicación que antes lideraron José López Orozco, Lara Méndez e Paula Alvarellos, mentres que o PP, con Feijoo primeiro, e agora con Rueda, manteñen paralizada a iniciativa.
De feito, criticou que recentemente o conselleiro de cultura dixese que o Museo da Romanización era “unha prioridade do Concello de Lugo, pero que non o era da Xunta”. “É lamentable”, remarcou.
En canto a orzamentos, denunciou que os 500.000 euros que “apareceron” nos Presupostos autonómicos do ano pasado “froito dunha petición do Grupo Socialista” non se executaron. “Esa é a realidade, e este ano tampouco se van executar”, advertiu.
José Ramón Gómez Besteiro censurou especialmente que a situación do museo lucense contrasta con outros proxectos que se están a impulsar en outras cidades galegas. Así, apuntou que a Xunta en en marcha investimentos por 20 millóns de euros para recuperar o Teatro Cine Fraga, en Vigo e por 17 millóns para o pazo de Lourizán, en Pontevedra. A eses exemplos engadiu a ampliación do Museo do Mar de Galicia e o acordo marco de 12 millóns co Concello de Ferrol para abrir un Museo do Modernismo.
O portavoz socialista defendeu a necesidade deses investimentos, mais criticou o agravio que supón deixar a Lugo á marxe. “É momento de poñer fin a esta discriminación do PP de Galicia, que a leva a cabo co silencio cómplice do PP de Lugo”, reclamou.