

Paloma Castro denuncia que o PP contradí ao seu partido na Deputación e o Concello, onde votaron a favor dun convenio entre Xunta, Deputación e Concello co Pontevedra CF para reformar o campo
A parlamentaria socialista Paloma Castro lamentou hoxe que o PP rexeite en Santiago a proposta que si apoiaron na Deputación e o Concello de Pontevedra para que as tres administracións asinen un convenio para reformar o campo de xogo do Estadio Municipal de Pasarón. Castro levou á Comisión Institucional do Parlamento a proposta que fora antes aprobada no Concello, pero aquí o PP votou en contra e impediu que saíra adiante.
A responsable socialista lamentou a contradición do PP, que deste xeito entorpece unha actuación fundamental para garantir a calidade dun campo que se converte “nunha lameira” cando chove polo deficiente sistema de drenaxe logo da última reforma, de 2012, que foi “unha trapallada”. Advertiu que a situación “afecta directamente á competición, á competición e á saúde dos xogadores”, que se enfrontan a un risco serio de lesión cada vez que saen ao campo.
Explicou que a única solución “pasa por refacer completamente o terreo de xogo e o seu sistema de drenaxe”, cunha actuación estimada entre os 300.000 e os 400.000 euros, pero que “non vai de cores políticas, vai de xustiza, de responsabilidade e de respecto”. Castro mesmo propuxo unha transacción para supeditar a actuación ao que determine un informe técnico previo, pero o PP tampouco quixo chegar a ningún tipo de acordo.
A responsable socialista reclamou a implicación do goberno autonómico como competente na promoción, ordenación e regulación do deporte, tal e como fixo en actuacións semellantes no estado da Malata, en Ferrol, ou o campo do Arenteiro no Carballiño, os dous polo momento na mesma categoría que o Pontevedra. Instou ao goberno galego a “mover ficha” e “tratar a Pontevedra como trata a outras cidades galegas”.
Castro reclamoulle ao PP e ao goberno galego que “fagan o correcto” e “traten a Pontevedra igual que a outras cidades galegas” ás que apoiaron para reformar as instalacións deportivas. Acusounos neste sentido de obrigar ao equipo da cidade a “seguir xogando nun campo que non está en condicións”.
Chapuza
Castro lembrou que a situación deriva da obra financiada por Louzán como presidente da Deputación que rematou en 2012 logo de cuadriplicar o tempo previsto e case que duplicar o custe ata os 16,8 millóns, e que tardou 5 anos en ser recepcionada polos defectos nunha obra que cualificou de “chapuza”.
Máis alá dos problemas de drenaxe, a obra foi entregada coas billas sen conectar á rede de saneamento, enchufes sen enerxía, torres de iluminación de obra, videmarcadores analóxicos ou bocinas no canto de altofalantes.