

O PSdeG presentará unha Proposición non de Lei para introducir unha cláusula de excepcionalidade meteorolóxica que xa funciona en Cantabria e Asturias
A Confraría da Guarda, das máis afectados polos temporais, perdeu o 80% dos seus ingresos neste inicio de ano por non poder saír a faenar
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, anunciou hoxe que o Grupo Parlamentario Socialista presentará no Parlamento de Galicia unha Proposición non de Lei para que a Consellería do Mar modifique a normativa de días hábiles de actividade extractiva e introduza unha cláusula de excepcionalidade meteorolóxica. O obxectivo: que os mariscadores, a flota de artes menores e a do litoral poidan faenar en sábados, domingos e festivos cando os temporais lles impidan saír ao mar nos días previstos.
Besteiro fixo este anuncio tras reunirse coa Confraría de A Guarda, onde constatou de primeira man a situación desesperada que vive o sector. Os percebeiros desta confraría estiman que perderon arredor do 80% dos seus ingresos no que vai de ano. Entre o 1 de xaneiro e o 20 de febreiro deste 2026, só puideron saír a traballar seis días. Oito de cada dez euros que deberían estar gañando, perdidos.
A costa da Guarda é unha das máis expostas de Galicia. O percebe extráese en rocha batida, en zonas onde a oleaxe impacta directamente. Cando hai temporal, non é que sexa difícil traballar: é imposible. E este ano, dez borrascas en 45 días non deron tregua. Xaneiro de 2026 foi un 98% máis chuvioso do normal en Galicia, con 290 litros por metro cadrado acumulados.
“O que se pide é algo tan sinxelo como que os días inábiles pasen a ser hábiles pola petición que faga o propio sector”, sinalou Besteiro. «Se o temporal non me deixa traballar o martes, déixame saír o sábado. Iso xa se fai en Cantabria e en Asturias. Allí o sector pide e a administración autoriza. Aquí o sector pide e a Xunta pon excusas».
O líder socialista subliñou que os días hábiles de faena non están fixados por ningunha lei, senón que se regulan por ordes e resolucións da Consellería do Mar, que a propia Xunta pode modificar en calquera momento cunha simple resolución administrativa. “Non precisa reformar ningunha lei, non precisa ir ao Parlamento. O que chaman impedimento legal é falta de vontade política”, sentenciou.
De feito, en Cantabria a normativa xa prevé que os días hábiles se modifiquen ao longo da campaña a proposta motivada do sector, cunha antelación de só 72 horas. En Asturias, a Dirección Xeral de Pesca pode declarar día hábil o sábado cando se perden xornadas entre semana por causa do tempo. Tamén en Portugal existe esa flexibilidade. «Se Cantabria pode e Asturias pode, Galicia tamén pode. A diferenza non está na lei: está na actitude do goberno», engadiu Besteiro.
Proposición non de Lei no Parlamento
A iniciativa parlamentaria socialista instará a Consellería do Mar a introducir esa cláusula de excepcionalidade meteorolóxica na normativa regulamentaria. A habilitación excepcional activaríase a proposta motivada da confraría afectada, acompañada dun informe que acredite o número de días perdidos, e a Consellería deberá resolver nun prazo máximo de 72 horas, seguindo o modelo xa operativo en Cantabria.
A autorización excepcional manterá en todo caso as condicións biolóxicas e de sostibilidade dos plans de explotación: topes de captura, tallas mínimas, horarios e zonas autorizadas. “Non se pide desregular: pídese adaptar”, precisou Besteiro.
A proposta tamén inclúe a aplicación inmediata á Confraría de A Guarda e a súa extensión a todas as confrarías galegas que o soliciten, así como a activación dun plan de compensación económica urxente para as persoas que acumulen máis de quince días de parada forzosa por temporais.
«O mar non entende de calendarios», dixo o líder do PSdeG. “Non podes dicirlle a unha familia que leva semanas e incluso meses sen ingresos que non pode traballar un sábado porque o regulamento di que ese día non toca. Iso non é xestión: é un exemplo máis do abandono do PP cara a xente do mar. Ante problemas, solucións. E non máis problemas”.