

O deputado socialista Carlos López Font demandoulle hoxe á Xunta de Galicia que “acompañe e reforce” a posición do Goberno de España respecto do acordo entre a UE e Mercosur, “reafirmando a necesidade dunha aplicación equilibrada e esixente, que preserve o carácter sensible da pesca, garanta a reciprocidade de estándares e ofreza mecanismos de protección efectivos cando sexa necesario”. Trátase, segundo dixo, de contribuír “á protección efectiva” do sector, “con especial atención á pesca e ao marisqueo artesanais e aos territorios máis dependentes desas actividades”.
Font defendeu en comisión parlamentaria unha iniciativa a través da que o PSdeG lle reclamaba ao Executivo de Rueda que vele, no ámbito das súas competencias, por que as concesións comerciais “se articulen, cando proceda, mediante continxentes limitados e debidamente controlados”, ademais de con calendarios de liberalización “longos e progresivos” e con tratamentos específicos para produtos sensibles, “co obxectivo de evitar distorsións no mercado interior e preservar unha competencia leal”.
Reclamou, ademais, que a Administración autonómica desenvolva, no ámbito das súas competencias, actuacións para verificar o cumprimento da normativa aplicable aos produtos do mar comercializados en Galicia, “especialmente en materia de sanidade e seguridade alimentaria, trazabilidade e control, loita contra a pesca ilegal, así como o respecto aos estándares laborais e medioambientais, reforzando a reciprocidade de condicións”.
O deputado socialista tamén demandou que a Xunta apoie e promova a utilización “áxil e proporcionada” das cláusulas de salvagarda previstas no acordo, para o caso de que se produzan “perturbacións no mercado, caídas anómalas de prezos ou prexuízos para segmentos concretos do sector pesqueiro galego”. Finalmente, reivindicou a participación do sector nos mecanismos “de información, seguimento e avaliación do impacto do acordo”.