
O voceiro do Grupo Parlamentario Socialista, José Ramón Gómez Besteiro, e a deputada responsable de Cultura, Silvia Longueira, presentan unha iniciativa para escoitar, compartir e dar visibilidade á creación cultural que está a acontecer hoxe en Galicia fóra dos grandes escaparates
DESDE-A-MARXE arrinca con dúas primeiras paradas en Entrimo e A Laracha, dous puntos desde os que comezará a tecerse unha rede de encontros culturais que irá pasando por diferentes comarcas de Galicia
O PSdeG pon en marcha DESDE-A-MARXE, unha iniciativa coa que os socialistas galegos queren percorrer Galicia para escoitar e dar visibilidade á creación cultural que está a nacer nas comarcas e que moitas veces queda fóra dos grandes circuítos culturais. O proxecto foi presentado polo secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, e pola responsable de Cultura do partido, Silvia Longueira, que explicaron que a iniciativa nace tras meses de contacto con creadoras e creadores para coñecer de primeira man a realidade cultural do país.
Durante a presentación, Besteiro explicou que o proxecto xorde precisamente desa vontade de achegarse ao que está a acontecer no ámbito cultural galego máis alá dos grandes focos. Segundo indicou, en Galicia existen numerosas iniciativas culturais que nacen desde o territorio e desde proxectos independentes que non sempre contan coa visibilidade que merecen: “DESDE-A-MARXE nace para ir buscalas alí onde están e darlles altavoz, poñendo en contacto esa creación coa cidadanía e abrindo espazos de encontro arredor da cultura”.
O secretario xeral dos socialistas galegos subliñou que boa parte da vitalidade cultural do país está precisamente neses proxectos que medran desde abaixo e que están a renovar a cultura galega desde as comarcas. Neste sentido, lembrou que a cultura non pode entenderse só como programación ou espectáculo, senón tamén como un elemento fundamental para construír identidade e fortalecer a sociedade. Ademáis, lembrou que o orzamento da Xunta para Cultura é de 140 millóns de euros fronte aos 240 que destinan os concellos.
“Dende o PSdeG temos claro que a cultura tamén é o que nos vertebra como sociedade e o que nos permite pensarnos colectivamente como país”, sinalou.
Rede de encontros culturais por todo o territorio
Pola súa banda, Silvia Longueira explicou que DESDE-A-MARXE arrinca con dúas primeiras paradas en Entrimo e A Laracha, dous puntos desde os que comezará a tecerse unha rede de encontros culturais que irá pasando por diferentes comarcas de Galicia, “porque é nos sitios pequenos e dende agrupacións pequenas de onde saen as cousas máis grandes”.
Cada sesión reunirá tres proxectos culturais distintos, procedentes de disciplinas diversas. Persoas creadoras que presentarán o seu traballo e tamén compartirán a experiencia real de crear desde Galicia: as dificultades coas que se atopan, os camiños que abriron e a relación que manteñen co territorio e coa comunidade.
O formato será directo e participativo. Cada proxecto contará con quince minutos para presentar o seu traballo, nun encontro que terá unha duración aproximada dunha hora. Ao rematar, abrirase un espazo de diálogo co público para compartir reflexións e preguntas.
Segundo explicou Longueira, o obxectivo é crear un punto de encontro entre proxectos culturais, persoas creadoras e cidadanía, un lugar onde compartir procesos, ideas e experiencias arredor da creación cultural galega.
Un proxecto de diversidade cultural
DESDE-A-MARXE dará cabida a todo tipo de propostas culturais: música, artes visuais, literatura, audiovisual, recuperación patrimonial ou proxectos híbridos que combinen diferentes linguaxes creativas. O criterio non será o formato senón o vínculo co territorio e a capacidade de contribuír á conversa cultural galega.
A iniciativa comeza con estas primeiras paradas en Entrimo e A Laracha, pero a intención do PSdeG é que o proxecto vaia medrando e chegue progresivamente a máis comarcas, aproveitando a presenza territorial das agrupacións socialistas.
En definitiva, DESDE-A-MARXE quere converterse nun espazo para escoitar a creación galega que xa está a acontecer e compartila coa sociedade, poñendo no centro a cultura que nace nos territorios e que moitas veces queda fóra dos focos.