
Carmen R. Dacosta esixe “menos burocracia e máis rapidez nas axudas” para os gandeiros que logo de 8 meses seguen sen cobrar, e lembra que “o gando come tódolos días”
A portavoz de Política Forestal do Grupo Socialista, Carmen Rodríguez Dacosta, denunciou hoxe no Parlamento que a Xunta segue deixando aos gandeiros de Ourense sen as axudas “de emerxencias” para alimentación de gando extensivo e apoio aos apicultores aprobadas logo dos lumes de agosto. Dacosta presentou unha pregunta oral na Comisión de Agricultura para esixirlle á Xunta “menos burocracia e máis rapidez nas axudas ao rural”.
Advertiu que os gandeiros levan 8 meses sen cobrar unhas axudas para afrontar as consecuencias dos lumes do pasado verán e que resultan fundamentais para a viabilidade das explotacións. Sinalou que “o gando come tódolos días”, independentemente de que o lume arrasara os pastos ou da tramitación administrativa que teña imposto o goberno galego, polo que os titulares das explotacións vense obrigados a asumir nos seus petos este custe engadido.
Dacosta explicou que o retraso deriva de que o goberno galego ten aprobado unhas axudas derivadas dunha situación extraordinaria pero cun procedemento administrativo propio dunha subvención ordinaria. Deste xeito, impoñen multiplicidade deliñas de axuda, comprobacións individuais dos danos, requirimentos e subsanacións ou resolución administrativa completa de cada expediente.
O resultado, dixo, é que “meses despois do peche do prazo das solicitudes, existen explotacións sinaladamente na comarca de Verín que a día de hoxe seguen sen resolución” e polo tanto sen cobrar as axudas dunha orde aprobada o pasado 28 de agosto.
A responsable socialista contrastou esta tramitación coa xestión das axudas directas aprobadas polo Ministerio de Agricultura, que puxo enriba da mesa 27,8 millóns de euros para máis de 9.000 agricultores e gandeiros afectados polos incendios. Estas foron concedidas “de oficio”, sen que os beneficiarios nin sequera tiveran que solicitalas, polo que o goberno foi quen comprobou os requisitos e procedeu o pagamento para garantir “liquidez inmediata” ás explotacións afectadas.
Do mesmo xeito, o Ministerio para a Transición Ecolóxica puxo en marcha actuacións de restauración hidrolóxico – forestal por valor de 9 millóns de euros, e a Confederación Hidrográfica Miño – Sil procedeu a mobilizar recursos sobre o terreo para evitar o deterioro da calidade da auga e os arrastres de cinza cara aos ríos e ás captacións municipais.
Dacosta reclamoulle ao goberno galego un programa integral de recuperación para as zonas afectadas polos incendios do pasado verán, sinaladamente nas provincias de Ourense e Lugo, que ademais de axudas puntuais inclúa medidas estruturais de restauración ambiental, recuperación de solos, prevención da erosión e apoio á actividade económica no territorio.
Criticou que logo de 3 meses da cascada de dimisións e cesamentos na Consellería do Medio Rural “nada cambiou realmente na política forestal da Xunta”, cando seguen sen tomar ningún tipo de medida para apoiar ás zonas afectadas polos incendios.
Ademais, continúan sen presentar o Pladiga que tiñan que ter aprobado en outubro e o sector primario volve marcar un novo mínimo histórico de ocupación, con apenas 3.740 afiliados á seguridade social en Ourense na agricultura e a gandería, o mínimo histórico.