

Aitor Bouza aféalles a exclusión do Grupo Socialista no proceso de diálogo para a renovación da Valedora, dentro da estratexia de limitar as preguntas ao presidente de Besteiro e de apartar a representación institucional deste partido no Consello da CRTVG
O parlamentario socialista Aitor Bouza chamou hoxe á reflexión de PP e BNG fronte ao “desprestixio” que están a provocar na institución da Valedora do Pobo polo bloqueo na elección do vicevaledor. Así o dixo no debate da elección deste representante na Comisión de Peticións do Parlamento, no que quedou patente o desacordo entre as dúas forzas e no que os socialistas se abstiveron logo de quedar excluídos do proceso de diálogo que hoxe ten fracasado.
Afeoulle aos dous partidos que leven semanas amosando publicamente reproches polo suposto acordo para a renovación da valedora, que foi aprobada en Pleno, pero hoxe rematou sen o nomeamento do vicevaledor que ía ser proposto polos nacionalistas. Advertiu que “fraco favor lle fan aos galegos e ás galegas, e sobre todo a unha institución tan importante como a do Alto Comisionado do Parlamento” con este bloqueo que “non sabemos se vai permanecer no tempo”.
Bouza trasladou a “incredulidade” no proceso que hoxe quedou bloqueado logo do “cruce de acusacións” entre as dúas formacións políticas e que “o que vai producir é unha merma da propia institución”. Evitou criticar a figura do candidato proposto polo BNG, pero explicou a abstención dos socialistas galegos ao seu nomeamento por “coherencia de que nos exclúan” no proceso de diálogo e da busca de consenso para poñer en marcha á institución a pleno rendemento.
O responsable socialista criticou que PP e BNG sexan capaces de chegar un acordo e aplicar unha “pinza” para aplicar unha “pinza” e furtarlle ao portavoz do Grupo Socialista unha pregunta ao presidente en cada período de sesións pero neste caso bloqueen unha institución fundamental para vixiar a acción do goberno en defensa dos galegos e as galegas.
Bouza insistiu en que esta “pinza” tamén funcionou no proceso de substitución dos representantes dos partidos políticos con representación parlamentaria no Consello da antiga CRTVG -agora CSAG-, para excluír á representación do PSdeG.