

Paloma Castro esixe unha atención sanitaria en igualdade de condicións para os veciños e veciñas de Bueu cunha medida “razoable, viable e xusta” para os 12.000 habitantes do concello
A parlamentaria socialista Paloma Castro criticou hoxe a “racanería política” amosada polo PP ao negarse a apoiar a proposta que presentou esta mañá na Comisión de Sanidade para pedirlle á Xunta que estenda ata Bueu a liña de autobús que conecta o concello veciño de Marín co Hospital Montecelo. Castro sinalou que a proposta é “razoable, viable e xusta” e garante o acceso aos servizos sanitarios en igualdade de condicións.
Castro explicou que se trata dunha medida simple que pasa por estender apenas 8 quilómetros un servizo de transporte público que xa existe que resolvería unha cuestión “de xustiza social” para garantir que “todos os galegos e as galegas teñan as mesmas oportunidades para acceder á atención sanitaria, vivan onde vivan”.
Explicou que os 12.000 habitantes de Bueu están obrigados a utilizar o vehículo privado ou utilizar o bus ata Pontevedra e coller un transbordo ata o Montecelo, cando o concello limítrofe de Marín si que conta cunha conexión directa co centro hospitalario. Advertiu que se trata dunha reivindicación que “apenas ten custe económico e depende unicamente da vontade política” do goberno para garantir a “igualdade no acceso á sanidade pública”.
Advertiu que “non pode haber cidadáns de primeira e de segunda” no acceso a un servizo básico como a sanidade, e neste caso ademais dentro da mesma área sanitaria e en dous concellos limítrofes. Sinalou que a medida “debera ser de sentido común” no caso dun concello cunha poboación envellecida -que ademais se triplica no verán-, con “persoas maiores, pacientes crónicos e familias con nenos e nenas que necesitan acudir ao hospital con frecuencia”.