

Silvia Longueira esixiu que, mentres non se constrúa un novo ambulatorio, se acometan melloras nun edificio que, ademais de quedar pequeno para atender á poboación da localidade, se aproxima aos 40 anos e carece do mantemento axeitado
A deputada sinalou que, grazas á presión do Grupo Socialista a través de diversas iniciativas, hoxe mesmo, a Consellería de Sanidade enviou un equipo de técnicos a revisar as instalacións
A deputada socialista Silvia Longueira reclamoulle hoxe á Xunta que execute as obras de mantemento necesarias para que no centro de saúde de Carral se poida pasar consulta “sen estar debaixo de pingueiras”. Referiuse así ás deficiencias que se rexistran nun edificio que queda pequeno para atender á poboación da localidade e que presenta numerosas deficiencias e se achega ás catro décadas en uso.
Longueira recordou que os veciños veñen demandando desde hai tempo melloras no centro de saúde, á espera de que se aborde dunha vez a construción dun novo ambulatorio. Esas instalacións deberían dar servizo no futuro a unha poboación en constante aumento, sinalou.
A deputada socialista defendeu a necesidade de garantir o funcionamento correcto do actual centro de saúde logo de continuos problemas para a prestación do servizo. Como exemplo desas eivas puxo que, en decembro, os veciños e veciñas de Carral non puideron solicitar ningunha cita para o médico de familia. Explicou tamén que para as citas coa matrona, o sistema de solicitude on-line respondía cunha mensaxe que dicía: “A axenda do profesional non dispón de ocos libres. Contacta co teu centro de saúde”.
Silvia Longueira sinalou incluso as dificultades para habilitar unha quenda de tarde, ante a falta de espazo, para reducir as agardas na atención primaria. Así, as citas estanse dando cun prazo de quince días, “e para as análises estanse tardando trinta”.
Valorou tamén que, grazas á presión que veñen exercendo os socialistas a través de diversas iniciativas, a consellería enviou hoxe mesmo ao centro de saúde de Carral un grupo de técnicos para que revisasen o estado do edificio. “Agardamos que despois do verán os problemas estean arranxados”, dixo a parlamentaria do PSdeG.