

Patricia Iglesias reclama “autocrítica e rectificación” porque obrigar a repotenciar 3.000 aeroxeradores antigos suporía unha perda de 8,4 millóns de euros de ingresos anuais para os concellos galegos
A portavoz de Industria do Grupo Socialista, Patricia Iglesias, acusou hoxe á conselleira de Industria de “camiñar como polo sen cabeza” coas repotenciacións eólicas en Galicia. Iglesias presentou unha pregunta oral no Pleno do Parlamento para reclamarlle ao goberno galego que “paren, reflexionen e valoren o efecto da sentenza do Tribunal Constitucional” porque “están a tempo de facer autocrítica e rectificar”.
Advertiu que en Galicia hai 3.000 aeroxeradores antigos susceptibles de ser repotenciados en base á última reforma a través da Lei de Acompañamento, o que os reduciría a preto de 600 máquinas útiles. Iglesias explicou que, como ingresan 3.500 euros por cada unidade, a conta final suporía que os concellos galegos deixarían de ingresar 8,4 millóns de euros cada ano.
Reclamou unha “planificación ordenada das repotenciacións eólicas en Galicia” logo de 17 anos de gobernos do PP “sen folla de ruta pública, sen regulación clara nin criterios transparentes que dean seguridade xurídica”. Explicou que “obrigar a repotenciar é abrir de novo a porta á improvisación, a incrementar a inseguridade xurídica e a que os investimentos marchen para outras comunidades autónomas”, e facelo sen planificación é “repetir os erros que xa paralizaron ao sector”.
A responsable socialista contrastou a improvisación do goberno galego coas repotenciacións voluntarias impulsadas polo Estado a través do Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía -IDAE- con máis de 54 millóns de euros de financiamento público para Galicia, cunha folla de ruta incluída no Real Decreto para planificar as repotenciacións en todo o territorio nacional.
Esixiulle así unha “planificación clara que ordene as repotenciacións e garanta beneficios sociais reais para os territorios afectados a través dunha orde ou regulamento do goberno galego. Subliñou que “a transición enerxética necesita renovables, pero tamén necesita planificación, seguridade xurídica e xustiza territorial”.