

A campaña de redes sociais difundirá vídeos creados con intelixencia artificial que reproducen mensaxes reais que circulan nas redes para evidenciar como se manipula o discurso sobre igualdade
O secretario xeral dos e das socialistas galegos e a secretaria de Iguladade, Natalia González, participarán o domingo na manifestación que se celebra en Vigo, pero haberá representación do PSdeG en outras vilas
O PSdeG presentou hoxe a campaña que difundirá nas redes sociais con motivo do 8 de marzo, Día Internacional das Mulleres, unha iniciativa que este ano pon o foco nun fenómeno que medra con forza no espazo dixital: a desinformación, os bulos e os discursos antifeministas que circulan nas redes sociais e que buscan desacreditar o feminismo e cuestionar dereitos conquistados ao longo de décadas.
A secretaria de Organización do PSdeG, Lara Méndez, explicou que a campaña nace da constatación de que cada vez é máis frecuente atopar nas redes sociais mensaxes que ridiculizan o feminismo, difunden información falsa ou intentan instalar a idea de que a igualdade xa está conseguida.
“Se unha pasa un pouco de tempo nas redes comproba rapidamente que aparecen comentarios que banalizan a violencia machista, que atacan o feminismo ou que cuestionan dereitos básicos das mulleres. Non é algo puntual nin inocente: é unha estratexia que busca erosionar avances que custaron décadas conseguir”, sinalou.
Por iso, este ano os socialistas galegos decidiron apostar por un formato diferente para a súa campaña do 8M. A iniciativa utiliza vídeos creados con intelixencia artificial nos que aparecen representantes socialistas reproducindo frases e comentarios que circulan a diario nas redes sociais.
Segundo explicou Méndez, non se trata de mensaxes inventadas nin exageradas, senón de comentarios reais que forman parte do ruído constante que circula no espazo dixital. O obxectivo é mostrar ata que punto hoxe resulta fácil manipular contidos e facer pasar por reais discursos que buscan desacreditar a igualdade.
A secretaria de Igualdade da Executiva do PSdeG, Natalia González, advertiu de que a desinformación nas redes non é un simple debate en internet, senón un problema que xa está a ter consecuencias moi reais.
Neste sentido, lembrou que o 99% das vítimas de contidos sexuais falsos creados con intelixencia artificial son mulleres, un dato que evidencia cara a quen se dirixen moitas destas prácticas.
González tamén alertou do impacto que estes discursos están a ter entre a xente máis nova. Segundo o último Barómetro de Xuventude e Xénero, dous de cada tres mozos adolescentes din rexeitar o feminismo, un dato que, segundo sinalou, debería facer reflexionar sobre o efecto que poden ter os contidos que circulan nas redes sociais.
“Se unha parte da mocidade está medrando rodeada de mensaxes que distorsionan completamente o que significa a igualdade, temos un problema serio como sociedade”, advertiu.
Pola súa parte, a deputada Paloma Castro subliñou que fronte a esta realidade non abonda con sinalar o problema, senón que tamén é necesario actuar con decisión desde as institucións.
Neste sentido, lembrou que o Parlamento galego aprobou hai dous anos implantar educación afectivo-sexual nas aulas, unha proposta impulsada polo PSdeG, e reclamou á Xunta que cumpra ese compromiso.
“Educar en igualdade tamén significa dar ferramentas á mocidade para identificar os bulos, para entender as relacións desde o respecto e para non caer nos discursos que trivializan a violencia ou normalizan a desigualdade”, sinalou.
A campaña remata cunha mensaxe política clara por parte dos socialistas galegos: fronte aos discursos que cuestionan a igualdade e fronte á ofensiva antifeminista alentada pola ultradereita, o feminismo non vai dar nin un paso atrás.
Para rematar, Lara Méndez anunciou que o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, e a secretaria de Igualdade da Executiva socialista, Natalia González, participarán o domingo na manifestación convocada en Vigo con motivo do 8M, mentres que outros cargos e responsables orgánicos e institucionais do partido se repartirán polo territorio para participar nas mobilizacións convocadas en diferentes cidades e vilas de Galicia.