

Aitor Bouza subliña que “o problema non é que non cheguen fondos, o problema é que non se invisten coa velocidade necesaria”
O parlamentario socialista Aitor Bouza sinalou hoxe que a “inexecución estrutural” de fondos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia que o Consello de Contas ten posto enriba da mesa provoca “risco real” de perder partidas cando remate a vixencia das axudas este mesmo ano. Así o dixo na comparecencia do director xeral de Fondos Europeos na Comisión de Economía do Parlamento.
Bouza aludiu ao informe do ente fiscalizador que alerta de que a finais de 2023 o goberno galego executara menos da metade dos fondos dispoñibles, con ritmos do entorno do 35 ou o 40 por cento que obrigará a devolver as partidas que non foron gastadas. Advertiu que “Galicia non está discriminada, o problema é a capacidade de xestión da Xunta”, que adoece de “falla de planificación estratéxica, fragmentación organizativa, debilidades no control interno e retrasos nas tramitacións”.
O responsable socialista advertiu das consecuencias desta xestión deficiente, que provoca “menos investimento, menos dinamización económica e menos transformación real”, e afeoulle ao goberno galego que, de acordo coa ficha de execución do Plan de Recuperación en Galicia, dous terzos das partidas foron executadas polo Estado e apenas un terzo polo goberno galego.
Reclamou a creación dunha autoridade única que coordine os fondos dentro do goberno galego para que as diferentes consellerías deixen de comportarse como “compartimentos estancos”, e integrar as diferentes liñas Next, Feder, FSE, Feader e Pesca nunha mesma estratexia global. Tamén reclamou que dean voz aos concellos na xestión das partidas a través da Fegamp, o reforzo do persoal técnico especializado e publicar un estado contable consolidado de execución real.