

Paloma Castro chama a recuperar o diálogo e acusa ao goberno galego de “xerar agravios” cando “a prioridade debera ser defender ao conxunto do sector”
A portavoz de Marisqueo do Grupo Socialista, Paloma Castro, eisixulle hoxe á Xunta que revise e reverta a autorización de dúas novas bateas de mexillón long line na ría de Noia “a dedo e de costas ao sector”. A responsable socialista presentou unha pregunta oral na comisión de Pesca do Parlamento diante desta decisión que o goberno galego agochou dende xaneiro do ano pasado que non foi coñecida polo sector ata un ano despois.
A responsable socialista advertiu que se trata dun “erro político” na xestión por parte da Consellería do Mar, que senta un precedente que compromete a ordenación racional dos polígonos de bateas, a convivencia entre os produtores e a sustentabilidade social e económica do sector. Sinalou que con esta decisión amosan “falta de lealdade institucional” ao tomar a decisión de costas ao sector, ademais de que levan un mes sen responder da petición de reunión da Mesa do Mexillón.
Ademais, introduce unha “percepción clara de desigualdade e trato de favor”, xa que llelo conceden a dedo a unha empresa que xa contaba con dúas bateas experimentais, e que ademais, no canto de instalacións para captación de mexilla, senón para engorde de mexillón xa desenvolvido. Deste xeito “introducen competencia directa dentro do propio polígono fronte ao resto dos produtores, co que rompe co equilibro competitivo, a igualdade de condicións e seguridade xurídica.
Castro lembrou que o criterio da Mesa do Mexillón foi que estas captacións deberan estar orientadas ao interese xeral, nunca a empresas individuais. Subliñou que “hoxe a prioridade debera ser defender ao conxunto do sector, non xerar agravios”, e lembra que “o normal en aras á transparencia e ao consenso co sector sería consultarlle ou informarlle previamente das decisións que lles afecten, non que se enteren un ano despois”.