
María Fernández Ojea ocupará a secretaría de Política Social, Maiores e Dependencia
Patricia Iglesias, proposta para a secretaría de Administración Pública, Autogoberno, Xustiza e Asesoría Xurídica
A ata agora secretaria de Política Social, Maiores e Dependencia do PSdeG, Natalia González Beneitez, pasará a ocupar a partir de hoxe a secretaría de Igualdade do partido. O secretario xeral socialista, José Ramón Gómez Besteiro, trasladou esta tarde á Comisión Executiva Nacional Galega, durante a súa sesión ordinaria de marzo, o nomeamento para o cargo, que permanecía vacante.
Pola súa banda, María Fernández Ojea, secretaria de Función Pública e Xustiza desde a celebración do 15.º Congreso Nacional, farase cargo das responsabilidades que ostentaba González Beneitez. Na reunión, Besteiro propuxo a Patricia Iglesias Rey para a secretaría de Administración Pública, Autogoberno, Xustiza e Asesoría Xurídica.
Tal como recollen os estatutos do PSdeG para o caso de incorporación de novos membros ao órgano de dirección, o nomeamento de Iglesias deberá ser ratificado polo Comité Nacional Galego na súa próxima reunión.