
A viceportavoz do Grupo Parlamentario Socialista sinala que BNG e PP coinciden na política do medo ante unha oportunidade histórica para un gran número de produtos galegos
Méndez advertiu de que Galicia non pode quedar á marxe mentres outros avanzan nin pode permitirse unha posición ambigua “ante unha oportunidade económica desta dimensión”
Hoxe comeza a aplicarse provisionalmente o acordo entre a Unión Europea e Mercosur, o maior espazo comercial do mundo. Este acordo supón a apertura efectiva dun mercado de máis de 260 millóns de consumidores para os produtos galegos, cun marco regulado, con cotas limitadas, cláusulas de salvagarda activables en caso de risco e esixencias sanitarias e fitosanitarias estritas.
Para a viceportavoz do Grupo Parlamentario Socialista, Lara Méndez, esta nova etapa require algo máis que declaracións: require liderado. “Liderar desde Galicia a apertura de mercados que supón o acordo con Mercosur significa asumir a responsabilidade de acompañar aos sectores produtivos, reforzar a promoción exterior da calidade dos nosos produtos, garantir o control das importacións e actuar con rapidez se hai risco para o noso rural”.
Méndez advertiu de que Galicia non pode quedar á marxe mentres outros avanzan nin pode permitirse unha posición ambigua ante unha oportunidade económica desta dimensión. Sinalou que, fronte á oportunidade que representa este acordo, BNG e PP coinciden nun discurso baseado no medo e na alarma, un relato que, segundo dixo, non se sostén nos feitos.
A viceportavoz socialista lembrou que o acordo non é unha “barra libre”: non elimina controis, non suprime estándares e non deixa desprotexido o rural galego. Existen cotas limitadas e calendarizadas, límites ás importacións de produtos sensibles e mecanismos de salvagarda. Ademais, mantéñense as esixencias sanitarias e fitosanitarias para acceder ao mercado europeo, así como sistemas de seguimento e avaliación permanente.
A Unión Europea non renuncia nin á súa soberanía normativa nin aos seus estándares ambientais, laborais e de seguridade alimentaria.
Méndez puxo tamén en valor a relación histórica, cultural e humana que Galicia mantén cos países de Mercosur, lembrando que non se trata dun mercado alleo, senón dun espazo co que existen vínculos consolidados desde hai xeracións.
Criticou que o Partido Popular manteña posicións distintas segundo o escenario político: “En Bruxelas o seu grupo apoia o acordo; aquí Rueda sementa dúbidas. Non se pode votar unha cousa alí e insinuar outra distinta aquí”.
Neste sentido, reclamou ao presidente da Xunta que deixe “o teatrillo en Bruxelas” e asuma un papel activo desde Galicia, liderando a apertura de mercados, reforzando a promoción da imaxe de calidade dos produtos galegos e impulsando o consumo interno.
A viceportavoz socialista lembrou que os socialistas galegos levan tempo traballando en Bruxelas apoiando as cláusulas de salvagarda e introducindo garantías para os sectores máis sensibles, e que mesmo o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, estivo hai meses defendendo os intereses de Galicia.
Sobre a presenza de PP e BNG en Bruxelas para reunirse co comisario de Agricultura, sinalou que “o importante é estar desde o principio, influíndo nas decisións como o fixemos os e as socialistas galegos co noso eurodeputado Nicolás González Casares”.
Peticións concretas para o Goberno galego
Desde o PSdeG trasladou a Rueda peticións concretas: seguimento transparente dos prezos e dos volumes de importación; activación inmediata das cláusulas de salvagarda se hai risco para os produtores galegos; impulso decidido ao consumo de produto galego e ás denominacións de orixe; e medidas reais de acompañamento para garantir estabilidade e renda ás explotacións.
Méndez advertiu de que o acordo pode ser unha oportunidade para Galicia, pero que para o rural só o será se hai control, rigor e defensa activa. E lembrou que, mentres se debate sobre Mercosur, en Bruxelas están enriba da mesa posibles recortes na PAC, unha cuestión que afecta directamente ao campo galego e na que tamén esixiu firmeza.