
O líder do PSdeG enmarca a situación do centro de saúde nun deterioro progresivo da atención primaria en Galicia logo de máis de 16 anos de goberno do PP
Besteiro levará a demanda de Baleira e de tantos outros concellos de Galicia ao Parlamento e insistirá para que o PP apoie a proposta socialista de garantir por lei a cita no médico de cabeceira nun prazo máximo de 48 horas
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, achegouse esta mañá a Baleira para apoiar á veciñanza na súa reivindicación dun médico estable no centro de saúde e advertir de que o que está a acontecer neste concello non é un feito illado, senón a consecuencia dun problema que se repite día tras día en moitas zonas do rural galego.
Besteiro acompañou ás e aos veciños que levan meses denunciando a falta reiterada de profesionais médicos. “Non estamos ante unha incidencia puntual. Falamos dun problema estrutural que é froito de máis de 16 anos de gobernos do PP na Xunta e das decisións que Rueda adopta desde o seu despacho”, sinalou.
Ao seu xuízo, a situación que vive Baleira é o efecto directo dunha política sanitaria que foi debilitando progresivamente a atención primaria, especialmente no rural. Lembrou que se trata de concellos envellecidos, con persoas que teñen dificultades de mobilidade e para as que cada ausencia médica supón unha barreira máis.
No caso de Baleira, repítense as xornadas sen consulta e os horarios redúcense a catro horas, mentres as citas xa se están a demorar ata mediados de marzo. Cada vez que non hai médico, a veciñanza vese obrigada a desprazarse a outros municipios ou ao PAC do Corgo para algo tan básico como unha consulta.
O líder socialista puxo en valor o traballo da agrupación local do PSdeG e do seu voceiro, José Tellado, que leva meses reclamando unha atención sanitaria permanente para o centro de saúde.
Besteiro asegurou que seguirá levando a demanda de Baleira e de tantos outros concellos de Galicia ao Parlamento e insistirá para que o PP dea un paso adiante e apoie a proposta socialista de garantir e blindar por lei a cita no médico de cabeceira nun prazo máximo de 48 horas: “É unha medida de sentido común. Sen acceso ao médico de cabeceira nun tempo razoable, o sistema reséntese e quen acaba pagando as consecuencias é a cidadanía”.
Homenaxe a Paula Alvarellos
Tras o acto reivindicativo celebrado en Baleira, Besteiro participará en Lugo no acto de homenaxe á que fora alcaldesa da cidade, Paula Alvarellos, cando se cumpre un ano do seu falecemento. O líder socialista destacou que foi unha persoa que vivía a política con honestidade e responsabilidade, moi pegada á xente e á cidade, atenta ao día a día e sen esquivar os problemas cando tocaba afrontalos.
“Perdemos unha compañeira e unha amiga. O recordo que queda dela é o dunha muller comprometida e profundamente humana. E iso é o que queremos celebrar hoxe”, dixo.