

Paloma Castro reclamoulle á Xunta en comisión parlamentaria que prolongue a cuberta no acceso ás instalacións, que adquira a parcela anexa para ampliar a zona exterior e restitúa xa o servizo de transporte e actividades de ocio do que gozaban as persoas usuarias
A deputada recordou que hai dous anos os socialistas levaron ao pleno municipal a primeira das peticións, que se aprobou por unanimidade dos grupos políticos, de modo que o alcalde adquiriu o compromiso de trasladarlla ao Goberno de Rueda, pero segue sen materializarse
A deputada socialista Paloma Castro defendeu hoxe en comisión parlamentaria a necesidade de que a Xunta acometa de xeito urxente varias melloras no centro de día de Cerdedo-Cotobade. Trátase da prolongación do voladizo que existe no acceso ao edificio, “de xeito que cubra a entrada e garanta unhas condicións axeitadas” cando a meteoroloxía é adversa, e da ampliación da zona exterior co fin de habilitar nela “máis espazos de sombra e descanso”. Neste caso, é precisa a adquisición da parcela anexa ou, cando menos, parte dela. A esas actuacións uniu unha reclamación: que o Goberno de Rueda restitúa de xeito urxente o servizo de transporte e actividades de ocio do que dispoñían as persoas usuarias.
No primeiro caso, é dunha demanda reiterada, porque o Grupo Socialista no Concello de Cerdedo-Cotobade xa a levara ao pleno municipal en forma de moción. Naquela ocasión, a iniciativa concitou o apoio unánime das formacións políticas, de modo que o alcalde adquiriu o compromiso de trasladarlla á Xunta. Porén, pasados dous anos, segue sen haber novidade ningunha respecto dunhas necesidades básicas para as persoas usuarias do centro.
A parlamentaria do PSdeG criticou que o PP se posicionase hoxe en contra e votase non á iniciativa socialista, cando hai dous anos mostrou o seu acordo no pleno municipal de Cerdedo-Cotobade.
Castro recordou que o centro de día, dependente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, conta con 30 prazas, algunhas delas de residencia, e leva en funcionamento desde o ano 2008. Aínda que a Xunta acometeu en 2024 diversas obras de mellora, estas non deron resposta a “unha demanda histórica do persoal e das persoas usuarias e as súas familias”, como é a extensión da cuberta no acceso, de xeito que cubra o traxecto ata a parada do autobús.