

O voceiro do Grupo Parlamentario Socialista sinalou que a nova Lei de Administración Local non garante financiamento para as obrigas que a Xunta impón aos concellos
Besteiro pediulle coherencia a Rueda e ironizou sobre o feito de que o presidente da Xunta reclame coñecer o contido do contencioso da AP-9 entre o Estado e a Comisión Europea mentres se nega a facer público o memorando ou pacto asinado coa empresa Altri
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, acusou hoxe no Parlamento ao presidente da Xunta de “saquear as arcas municipais” e de impor unha “relación de subordinación” cos concellos que vulnera os principios básicos da autonomía local.
Durante a súa intervención, Besteiro advertiu de que o Goberno galego está trasladando ás entidades locais responsabilidades que lle corresponden á Administración autonómica, sen garantir os recursos económicos necesarios para asumilas.
O líder socialista denunciou que a Xunta mantén un sistema estrutural de competencias impropias que obriga aos concellos a financiar servizos que non son da súa titularidade.
Entre eles, citou o mantemento de comedores escolares, centros de saúde ou escolas infantís, así como novas responsabilidades en materia de patrimonio, vivenda ou saúde pública. “Están violentando o principio de autonomía local e o de suficiencia económica”, afirmou.
Puxo como exemplo o Servizo de Axuda no Fogar, onde hai concellos que chegan a destinar ata o 30% do seu orzamento para cubrir un servizo que debería estar plenamente financiado pola Xunta, afectando especialmente aos municipios máis pequenos.
Tamén criticou o canon da auga, que cualificou de “dobre imposición” para moitos veciños e veciñas, e denunciou que os fondos recadados non retornan nin total nin parcialmente aos concellos en forma de investimentos.
Segundo indicou, esta práctica supón un “saqueo das arcas municipais” que limita a capacidade dos gobernos locais para prestar servizos básicos e desenvolver políticas propias.
Unha lei que consolida a subordinación
Besteiro referiuse tamén ao anteproxecto de Lei de Administración Local publicado pola Xunta, que non resolve esta situación, senón que a consolida.
Criticou que, vinte anos despois da sinatura do Pacto Local de 2006, o texto limite a indicar que a Xunta “continuará asumindo de xeito progresivo” as competencias pactadas, sen establecer garantías temporais nin financeiras claras.
“A nova lei non impulsa o financiamento necesario para cubrir as obrigas que a propia Xunta está impoñendo aos concellos”, sinalou. Ao seu xuízo, o anteproxecto deixa intacta a desigualdade estrutural e non crea un marco obxectivo e estable que asegure igualdade de trato.
Tamén denunciou arbitrariedade na política de convenios e subvencións, reclamando un plan único con criterios públicos e obxectivos que garanta igualdade e non discriminación entre municipios.
Transparencia e desclasificación do pacto con Altri
Na réplica, Besteiro acusou a Rueda de eludir as súas responsabilidades desviando o foco cara ao Goberno central. “Está obsesionado con Sánchez, pero as súas desgrazas non levan o apelido de Sánchez, levan o apelido de Feijóo”, afirmou.
Ironizou sobre o feito de que o presidente da Xunta reclame coñecer o contido do contencioso da AP-9 entre o Estado e a Comisión Europea mentres se nega a facer público o memorando ou pacto asinado coa empresa Altri.
O secretario xeral do PSdeG reclamou a desclasificación inmediata dese acordo e esixiu transparencia sobre os compromisos adquiridos pola Xunta. “Non pode esixir luz para os demais e manter na sombra os seus propios acordos”, advertiu.
Finalmente, pediu coherencia institucional e respecto á autonomía local. “Os concellos non son subordinados da Xunta. Son administracións con competencias propias que deben ser respectadas e financiadas de maneira suficiente e estable”.