

Silvia Longueira reclamou un plan de política social a dez anos para garantir a calidade de vida de maiores e dependentes
“Podemos resignarnos a ser o territorio máis envellecido de Europa ou converter Galicia no mellor lugar de Europa para vivir 90 anos”, advertiu a deputada do PSdeG
Defendeu que o reto demográfico “non é unha ameaza inevitable, senón unha transformación histórica que esixe liderado”
A deputada socialista Silvia Longueira reclamoulle hoxe ao Goberno de Rueda que elabore un plan estratéxico de política social 2026-2036 co fin de garantir a calidade de vida das persoas maiores e das persoas dependentes. Como primeiro obxectivo, e máis urxente, marcou a redución das listas de espera para dependencia, ao que uniu un reforzo “estrutural” do servizo de axuda no fogar, medidas contra a soidade non desexada, a equidade territorial nos servizos sociais, apoio para a adaptación de 100.000 fogares no prazo dunha década e o incremento progresivo do investimento en políticas de coidados ata acadar un mínimo do 2,5 % do PIB galego.
Durante a súa defensa dunha iniciativa no pleno do Parlamento galego, Longueira dixo que a Administración autonómica debe “adiantarse” á “realidade inédita” que Galicia terá que xestionar dentro de 15 anos e garantir un sistema que poida dar respostas á demanda dun futuro no que as persoas serán aínda máis lonxevas. Nese senso, destacou que a Unión Europea “leva anos planificando respostas a ese cambio demográfico”. Por ese motivo, demandou que o antedito plan estratéxico estea listo no prazo de 12 meses.
A parlamentaria do PSdeG afirmou que Galicia non é unha comunidade que envellece, senón unha comunidade “que vive máis”, o que “é un éxito colectivo”. “O fracaso sería non estar á altura”, subliñou.
Silvia Longueira recordou que en 2025 máis do 30 % da poboación galega superará os 65 anos. “A pregunta é que está facendo a Xunta para prepararse, porque gobernar non é xestionar o día a dia, é anticiparse”, cuestionou.
“Non abonda con inaugurar residencias. O debate é moito máis fondo. Estamos afalar de modelo de país”, asegurou para propoñer que ese modelo debe pasar “dunha política centrada na dependencia a outra centrada na autonomía persoal”. Tamén debe avanzar, segundo dixo, na reforma do modelo residencial, con instalacións “máis pequenas e humanizadas”, no aproveitamento do envellecemento como unha oportunidade económica e na adaptación do modelo á realidade territorial, tendo en conta as diferenzas entre o ámbito urbano e o rural.
Pacto interxeracional galego
Finalmente, Longueira pediu un “pacto interxeracional galego” para fuxir do “discurso fácil” que enfronta á xente nova coas persoas maiores. Os dereitos destas últimas “son tamén a seguridade das xeracións futuras, que deben entender que un sistema público forte non é un custo, senón unha garantía de estabilidade”, salientou.
“Podemos resignarnos a ser o territorio máis envellecido de Europa ou podemos converter Galicia no mellor lugar de Europa para vivir 90 anos, e iso require planificación, servizos públicos fortes, innovación social e tecnolóxica, transparencia, avaliación permanente e coraxe política, porque o reto demográfico non é unha ameaza inevitable, senón unha transformación histórica que esixe liderado”, concluíu.