

Aitor Bouza reclámalle ao goberno galego que empregue parte dos 87,4 millóns de euros dos programas de vivenda sen executar para garantir as axudas ao alugueiro
O portavoz de Vivenda do Grupo Socialista, Aitor Bouza, esixiulle á Xunta que empregue fondos propios para complementar o Bono Alugueiro e garanta que ningún mozo ou moza que cumpra cos requisitos quede fóra das axudas. Bouza presentou esta proposta a través dunha proposición non de Lei no Pleno do Parlamento que se celebrou hoxe e que será votada mañá mércores.
O responsable socialista criticou a falla de vontade política do goberno galego, que en 2024 deixou sen executar 41,9 millóns de euros correspondentes ao programa de acceso á vivenda, unhas contías que ascendían ata os 87,4 millóns de euros no terceiro trimestre de 2025, o último con cifras publicadas. Criticou que malia dispor de fondos, o goberno galego deixou a 12.000 galegos e galegas sen estas axudas porque non quixeron aportar fondos propios.
Explicou que con 12,5 millóns de euros é máis que suficiente para completar o investimento procedente do Estado e garantir que tódolos galegos e galegas poidan acceder a unha ferramenta esencial para a emancipación, evitar situacións de exclusión residencial e garantir que o dereito á vivenda non quede condicionado unicamente á hora de chegada das solicitudes.
Criticou a xestión cicateira da Xunta, que “invita para que o presidente Sánchez pague” ao anunciar estas axudas como propias sen explicar que sumando a ampliación de crédito tan só aportaran 1,3 millóns de euros, fronte aos 5 millóns procedentes do Estado. Criticou a “falta de corresponsabilidade” amosada pola Xunta, que provoca, dixo, “frustración social e desigualdade no acceso ás axudas”.
Advertiu que o acceso á vivenda “non pode ser unha carreira de obstáculos nin unha lotaría administrativa, ten que ser un dereito garantido”. Advertiu que “cada ano que pasa sen reforzar as políticas de acceso á vivenda é un ano máis de atraso na emancipación da mocidade, un ano máis de inestabilidade para miles de familias e un ano máis no que Galicia perde talento porque non pode vivir aquí e marcha”.
O parlamentario socialista presentou esta iniciativa logo de que en marzo de 2025 a Valedora do Pobo denunciara que milleiros de mozos e mozas galegos quedaran fora das axudas pola incompetencia do goberno galego. Malia que a conselleira anunciara a final de ano que ampliarían as axudas a 2.000 persoas máis, a realidade é que 10.200 galegos e galegas quedaron fóra porque non chegaron a tempo.
Prioridades políticas
Bouza puntualizou que esta medida é “unha cuestión de prioridades políticas”, e sinalou que a proposta “non fala de cifras abstractas nin de titulares de propaganda, senón de xente nova que non pode emanciparse, de familias que destinan máis da metade do seu salario a pagar un alugueiro e de traballadores e traballadoras que teñen emprego pero non teñen vivenda digna”.