

O secretario xeral do PSdeG advirte de que “arquivar o proxecto non é resolvelo, é gañar tempo” e reclama unha negativa definitiva cun pronunciamento claro sobre a viabilidade económica, social e ambiental
Pregúntalle ao presidente da Xunta que intereses está a protexer co seu silencio e insiste en que os socialistas acudirán aos tribunais se non se fai público o memorando coa Sociedade Impulsa
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, anunciou hoxe que as e os socialistas galegos esixirán a comparecencia inmediata de Alfonso Rueda no Parlamento para que faga público o contido do pacto secreto asinado entre Altri e a Sociedade Impulsa e explique que intereses está a protexer co seu silencio.
Besteiro lembrou que o propio presidente da Xunta confirmou onte que coñece ese memorando, asinado no seu día polo entón conselleiro Francisco Conde en representación da Xunta dentro da Sociedade Impulsa, posteriormente extinguida. Un feito que, ao seu xuízo, agrava a situación: “Se recoñece que coñece o documento, non hai ningunha razón para manter esa opacidade”.
O líder socialista cuestionou directamente que intereses se están defendendo: “Se hai compromisos adquiridos que impliquen fondos públicos, Galicia ten dereito a sabelo. O que está claro é que os intereses dos galegos e galegas non parecen estar sendo a prioridade”.
Besteiro advertiu ademais de que o anuncio de arquivo do proxecto da macrocelulosa non supón a súa paralización definitiva: “Arquivar non é resolver. É deixalo no conxelador á espera de gañar tempo”, sinalou.
O PSdeG reclama que a Xunta se pronuncie expresamente sobre o fondo do asunto e adopte unha decisión firme: a denegación do proxecto. “Queremos un pronunciamento claro sobre a súa viabilidade económica, social e ambiental”, afirmou. En particular, reclamou que se aclare se o proxecto cumpre co principio de non causar dano significativo ao medio ambiente, unha cuestión que, segundo lembrou, non aparece recollida de maneira expresa na declaración de impacto ambiental aprobada hai aproximadamente un ano.
Para os grupo socialista, manter o proxecto latente supón abrir a porta a que poida reactivarse nun futuro escenario político distinto e prolongar unha incerteza que Galicia non merece.
Opacidade e responsabilidades públicas
Besteiro tamén puxo o foco nas contradicións dentro do propio Goberno galego. Mentres a actual conselleira de Industria, que presidiu a Sociedade Impulsa antes da súa extinción, asegurou descoñecer o memorando, o presidente da Xunta confirmou que si o coñece.
“É sospeitoso que quen presidía esa sociedade diga descoñecer un documento relevante e, ao mesmo tempo, o presidente admita que coñece o seu contido pero se negue a facelo público”, advertiu.
O secretario xeral do PSdeG subliñou que tanto Impulsa como outras estruturas creadas posteriormente se sustentan con fondos públicos, polo que existe unha responsabilidade política ineludible de transparencia e rendición de contas.
Besteiro non dubidou en cualificar Estamos diante dun “presidente opaco” que recoñece coñecer un pacto e se nega a dar explicacións. E estamos falando de acordos canalizados a través de sociedades e de auténticos chiringuitos creados con fondos públicos. Galicia non pode aceptar que se utilicen estruturas paralelas para comprometer recursos sen dar conta no Parlamento.”
Vía xudicial se non hai transparencia
Besteiro confirmou que, se o pacto non sae á luz, o PSdeG acudirá á vía xudicial para esclarecer o contido dos acordos e as posibles responsabilidades derivadas.
O líder socialista insistiu en que Rueda debe comparecer e explicar que se pactou en nome de Galicia e con que alcance. “Ou hai transparencia inmediata ou haberá consecuencias. Galicia non pode quedar á mercé de acordos ocultos nin de decisións tomadas á porta pechada”.