

Aitor Bouza ratifica o apoio do Grupo Socialista á Lei de Lectura Única para permitir desgravacións fiscais de material escolar adquirido con diñeiro en efectivo que a Xunta deixara sen axudas
O portavoz de Educación do Grupo Socialista, Aitor Bouza, afeoulle hoxe ao PP que tiveran que tramitar hoxe no Parlamento unha Lei por Lectura Única para resolver a “chapuza” da Xunta, que deixara ás compras en efectivo fóra das desgravacións fiscais por compra de material escolar. Bouza interveu no debate da norma que os socialistas apoiaron “non para sacarlle as castañas do lume ao conselleiro e ao presidente, senón porque as familias precisan de que as axudas se fagan realidade”.
O responsable socialista criticou sen embargo que o PP empregue o trámite de lectura única e por urxencia de modo “torticeiro” precisamente para resolver o que foi unha metedura de pata do goberno galego cando aprobou as axudas. Acusounos de “cometer a temeridade de facer un anuncio que non plasmaron na realidade”, e ademais non avisaron ás familias, polo que aquelas compraron o material sen saber que non terían as desgravacións que lles prometeran.
Bouza comparou esta “chapuza” co “varapau xudicial” ao goberno galego despois de que limitara as axudas á compra de libros de texto e material escolar unicamente aos rapaces e rapazas escolarizados en centros especiais. O goberno galego recibiu unha sentenza xudicial en contra da súa decisión que deixaban fóra das axudas aos alumnos e alumnas con necesidades educativas especiais escolarizados en centros ordinarios.
O responsable socialista alertou fronte a esta “discriminación evidente” provocada polo goberno galego, tal e como confirmou a sentenza, que sinalaba que as axudas concédense aos alumnos e non aos centros. Remachou que estas decisións “non se poden consentir”, e anunciou que os socialistas galegos “seguiremos esixindo que as axudas por material e libros de texto non sexan discriminatorias”.