
Lara Méndez acusa ao PP de limitar o impulso turístico a “accións concretas e illadas” e reclama un Plan turístico integral sostible
A portavoz de Turismo do Grupo Socialista, Lara Méndez, alertou hoxe de que o goberno galego “nin planifica, nin xestiona nin dedica recursos” para impulsar o turismo en Galicia. A responsable socialista presentou unha proposición non de Lei na Comisión de Industria do Parlamento para reclamar un Plan turístico integral sostible que foi rexeitado polo PP, que demostra que “non entende” as novas claves do sector.
Méndez advertiu que o turismo en Galicia “aumenta con menos intensidade e con menos forza que no resto de España” por culpa dun goberno que se limita a poñer enriba da mesa “accións concretas e illadas”, preocupado unicamente do Xacobeo. Salientou ademais que permanece lastrado por unha Lei de Turismo aprobada no ano 2011 que non ten en conta os “novos patróns, novos hábitos de consumo, novos destinos e novas formas de facer turismo” logo da pandemia.
Afeoulle ao PP que rexeiten hoxe en contra desta iniciativa logo de que aprobaran no Pleno do Parlamento, rachando co consenso en torno a un Plan de turismo integral e sostible que aproveite as oportunidades para o sector en Galicia. Lamentou que o goberno galego desbote a potencialidade da historia, a cultura, a paisaxe ou a gastronomía desta Comunidade Autónoma, que sen a planificación nin a xestión do goberno supón que “temos todo e non temos nada”.
Reivindicou o Plan de turismo que permita ao sector “seguir medrando” e incrementando o seu peso na economía galega. Da outra banda, dixo, o goberno galego asiste de brazos caídos á perda de seguridade no Camiño de Santiago ou á caída de calidade nos albergues, non fai nada polo relevo xeracional e permite que a líder do PP en Lugo vaia “coa Axencia de Turismo no peto como unha chequera, repartindo cartos en función de quen lidere cada asociación”.