

Aitor Bouza denuncia o uso partidista de Augas de Galicia, que só constrúe depuradoras en concellos gobernados polo PP, e esixe “saneamento digno independentemente de quen goberne”
O parlamentario socialista Aitor Bouza acusou ao PP de “deixar tirados” aos veciños e veciñas de Dodro ao votar en contra da construción da Edar na parroquia de Dodriño malia que teñen o proxecto listo dende o ano 2019. Bouza presentou unha proposición non de Lei na Comisión de Obras Públicas para esixirlle ao goberno galego que incorpore a construción da Edar aos Orzamentos deste ano, pero foi rexeitada polo PP.
O responsable socialista advertiu que a infraestrutura “é algo sensato, é algo posible, é algo xusto” e o goberno galego “ten os informes, ten a capacidade e ten os cartos”, aludindo á intervención do director de Augas de Galicia, que nesta mesma Comisión admitiu que a obra era viable. Acusou á conselleira de Medio Ambiente de bloquear esta actuación logo de que nas eleccións de 2023 prometera que a farían coa condición de que gobernara o PP.
Bouza acusou ao PP de “intentar enganar ou facer parvos” aos veciños e veciñas de Dodro, que teñen “o compromiso e a necesidade real e efectiva” da depuradora, e reivindicou o dereito da cidadanía a un “saneamento digno” da auga “independentemente de quen goberne”.
Uso partidista
O parlamentario socialista denunciou que este caso demostra o uso partidista dos recursos públicos de Augas de Galicia por parte da Xunta de Galicia, xa que o 77 por cento das depuradoras que constrúen corresponden precisamente a concellos gobernados polo PP. Puntualizou que tódolos gobernos locais son “igual de lexítimos” e esixiulles que “respecten a democracia para todo, non soamente para o que lles interesa”.