
Paloma Castro reclamará no Pleno unha resposta transversal fronte á desinformación e aos discursos de odio por razón de xénero
O PSdeG alerta do impacto das redes sociais na difusión de mensaxes machistas ás portas do 8M
O Grupo Parlamentario Socialista levará ao vindeiro Pleno unha pregunta oral urxente para esixir á Xunta que actúe ante o avance do discurso antifeminista entre a mocidade e a expansión de contidos machistas nas redes sociais.
A iniciativa será defendida pola deputada Paloma Castro, que interpela directamente ao Goberno galego sobre se ten previsto poñer en marcha unha estratexia transversal que abranga o ámbito educativo, as políticas de mocidade, a igualdade e a prevención da desinformación dixital.
Os socialistas fundamentan a súa iniciativa en datos recentes que evidencian un retroceso nas actitudes cara á igualdade. Segundo o informe Juventud en España 2024, o apoio ao feminismo entre a xente nova pasou do 54 % ao 41 % desde 2019. No mesmo período, o respaldo á igualdade de xénero baixou do 70 % ao 50 %. Ademais, un 23 % dos homes novos considera que a violencia de xénero é un “invento ideolóxico”.
Para o PSdeG, este contexto non é alleo ao avance das posicións da ultradereita no debate público e á difusión sistemática de fake news que buscan desacreditar o feminismo e cuestionar políticas de igualdade. A formación socialista amosa a súa preocupación polo impacto que estas mensaxes están a ter entre a mocidade, especialmente cando circulan sen control nas redes sociais.
A pregunta oral urxente rexistrada no Parlamento solicita unha resposta clara por parte da Xunta: se existe unha estratexia específica para combater a desinformación por razón de xénero e frear o avance dos discursos antifeministas nun momento de crecente polarización arredor da igualdade.
O PSdeG considera que a defensa dos dereitos das mulleres require actuación coordinada e medidas estruturais, máis alá de campañas puntuais, nun contexto no que se achega o 8M e no que o debate sobre igualdade volve situarse no centro da axenda pública.