

O deputado socialista Aitor Bouza criticou que, tal como se fixo público “a través dos profesionais do mar”, o Goberno do PP sabía do problema desde o pasado 4 de decembro e non informou nin á cidadanía nin ás administracións afectadas
Advertiu do risco para o medio mariño e para a actividade pesqueira e reclamou que se avalíe o impacto ambiental e se reforcen os sistemas de control, vixilancia e mantemento das EDAR, aínda máis “nas zonas costeiras de especial sensibilidade ambiental”
O deputado do Grupo Socialista no Parlamento galego Aitor Bouza denunciou hoxe en comisión que a Xunta coñecía o verquido que se produciu hai semanas no mar fronte á estación depuradora de augas residuais de cabo Prioriño, en Ferrol, “sen que se adoptasen medidas inmediatas nin se informase á cidadanía nin ás administracións afectadas”. De feito, segundo sinalou, tívose coñecemento do problema “a través dos propios profesionais do mar”, que precisaron que o Goberno do PP sabía do problema desde o pasado 4 de decembro.
O verquido localizouse “nunha zona de alto valor ambiental e ecolóxico”, explicou o parlamentario do PSdeG. Supuxo “un risco evidente” para o medio mariño, os ecosistemas costeiros e a actividade pesqueira e marisqueira, ademais de xerar unha lóxica alarma social pola posible afección á saúde pública e á calidade das augas”, engadiu.
Para Bouza, resulta “especialmente grave” que a Xunta fose consciente da situación durante semanas “sen activar protocolos de emerxencia ambiental, sen adoptar medidas correctoras inmediatas e sen garantir a transparencia e a información pública que se esixe nunha situación deste tipo”, o que considerou “unha preocupante falta de responsabilidade institucional”.
Por ese motivo, o deputado socialista reclamoulle ao Goberno de Rueda que adopte de forma urxente “todas as medidas necesarias para a limpeza, contención e avaliación do impacto ambiental do verquido” e garanta “a recuperación do medio afectado. Tamén que reforce os sistemas de control, vixilancia e mantemento das EDAR, con aínda máis atención “nas zonas costeiras de especial sensibilidade ambiental”.