

A deputada socialista solicitou á Xunta pola vía do artigo 9 do Regulamento do Parlamento que se lle entregue este plan, licitado en 2023, e que se elaborou ás costas do Concello
Lembra que o compromiso do executivo galego era dar a coñecer o documento no 2025, “pero todo queda en anuncios por parte de Rueda e Candia cando se trata de Lugo”
Pediu, ademais, os informes técnicos e avaliacións máis recentes dispoñibles sobre o estado de conservación do monumento
A deputada lucense Lara Méndez solicitou o pasado luns, día 9, que se lle entregue o Plan Director da Muralla Romana de Lugo, licitado pola Xunta de Galicia en 2023 e que o Goberno galego se comprometeu a presentar o pasado ano coincidindo co 25 aniversario da declaración deste monumento como Ben Patrimonio da Humanidade pola Unesco.
“Deste plan, o primeiro de carácter integral que elabora o Executivo galego, aínda non sabemos nada. Unha vez máis, todo queda en anuncios por parte do presidente Rueda cando se trata da cidade de Lugo, co silencio cómplice de Elena Candia, repetindo a mesma actitude de apatía que xa mantivo o anterior presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo”, sostivo.
Méndez instou a que o documento se faga público canto antes e reclamou que se conte co Concello de Lugo e cos colectivos vinculados á Muralla para o seu desenvolvemento. “Foi un plan concibido sen diálogo nin participación institucional”, concluíu.
A petición do Plan Director foi presentada ao abeiro do artigo 9 do Regulamento do Parlamento, xusto despois do derrubamento dunha parte da Muralla. Méndez desprazouse o mesmo luns, día 9, ata a zona afectada para comprobar ‘in situ’ as consecuencias da caída, acompañada da concelleira Ana González Abelleira.
Lara Méndez criticou a demora na presentación e na posta en marcha das medidas que debe incluír este plan, especialmente pola urxencia de contar cun informe técnico exhaustivo e preciso que identifique as condicións e patoloxías do monumento. Un documento que, ademais, debe establecer unha programación de mantemento, con orzamentos, así como medidas de seguridade fronte a riscos e desastres e accións de prevención contra actos vandálicos.
“Este derrube e outras actuacións —ou a falta delas— que foron degradando a Muralla ao longo dos anos deixan patente que non se pode agardar máis para dispoñer deste Plan Director, que ademais é unha esixencia da Unesco”, subliñou.
Así mesmo, a deputada solicitou á Xunta de Galicia o plan que está a utilizar actualmente, os informes técnicos ou avaliacións máis recentes dispoñibles sobre o estado de conservación do monumento, e tamén unha relación detallada das obras e actuacións xa executadas, xunto coas intervencións que aínda están pendentes de desenvolver.