

Aitor Bouza denunciou a incoherencia do Partido Popular, que no Parlamento de Galicia vota en contra da creación dun banco público de alugueiro mentres a propón “como medida estrela” no Concello de Santiago
O deputado socialista invitou ao Goberno galego a explicar por que, segundo os datos dispoñibles para o ano pasado, “só levaba executado o 15 % dos fondos do programa de acceso á vivenda e por que en 2024 deixou sen gastar o 75 %”
“Ao mellor queren que os felicitemos por só constituír unha nova sociedade en todo un ano. É unha mágoa que non fixeran nada en 17”, lamentou hoxe en comisión parlamentaria o deputado socialista Aitor Bouza durante un debate sobre a actividade da Sociedade de Vivenda Pública de Galicia (Vipugal). Bouza criticou que a Xunta “saque peito” sobre unha medida que, polo de agora, non se ten traducido nun incremento real do parque de vivenda pública, cando a principios desta década xa existía “un grave problema social” do que o Goberno galego “fixo caso omiso”.
O parlamentario do PSdeG fixo un repaso das políticas de vivenda do PP desde 2009. “Cando chegaron, o primeiro que fixeron foi baixar o orzamento, que era de 109 millóns. Saben canto se orzamentou en 2017? Tres millóns”, explicou para censurar que, ante unha crise habitacional que se foi xestando durante eses anos, a Administración que ten as competencias debería ter posto en marcha políticas para atallala. “E que fixeron? Nada. Entón, para que gobernan?”, preguntou.
Aitor Bouza insistiu en que nas causas da actual crise está esa inacción, que agora o Goberno de Rueda pretende reverter de golpe a base de anuncios. “Non poñemos en dúbida que se estea licitando, o que criticamos é a política de vivenda, porque se agora se pode licitar, por que non se podía no ano 2024, no 2023 ou no 2022?”, argumentou.
Sinalou tamén que, á marxe das iniciativas que se poidan impulsar a través de Vipugal e da construción de vivenda, hai outras medidas que se deberan estar abordando. Así, demandou respostas acerca de “que se vai facer coa vivenda baleira” e explicacións sobre por que, segundo os datos dispoñibles para o ano pasado, a Xunta “só levaba executado o 15 % dos fondos do programa de acceso á vivenda e por que en 2024 deixou sen gastar o 70 %”.
Bouza sinalou tamén as “incoherencias” do PP respecto da política de vivenda. “Quedo abraiado. No Concello de Santiago tivemos que ver como o deputado e portavoz municipal anunciaba como medida estrela un banco público de alugueiro, e iso despois de que no Parlamento votara en contra da proposta do PSdeG dun banco público de alugueiro”, dixo, e engadiu que “o colmo é que o Grupo Popular votase cotra ese banco de alugueiro e o Goberno do PP di que xa existe”.
O deputado do PSdeG reclamoulles aos populares que deixen de desviar a atención tratando de darlle leccións ao Goberno central e que esas mesmas leccións “as apliquen aquí” executando “as súas competencias”. “Poden ser coherentes dunha vez? Colaboren coas outras administracións en vez de polarizar, porque o que temos que facer é solucionar os problemas inmediatos que ten a xente”, defendeu.